A Xunta defende que a planificación eléctrica e o desenvolvemento da eólica son claves para garantir a competitividade da industria galega

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinala no Parlamento que estes dous aspectos son fundamentais para que empresas como Alcoa ou Stellantis sigan tendo futuro, e para que se poidan implantar novas iniciativas como a de Altri, Showa Denko ou Sentury
 

Entre as demandas trasladadas pola Xunta está determinar o destino dos 1.400MW de capacidade dispoñible no nó existente nas Pontes
 

Tamén se pide reconsiderar a demanda histórica de dotar Vigo dunha subestación que garanta a subministración da factoría de Balaídos e de toda a área industrial da zona

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que a planificación eléctrica e o desenvolvemento do sector eólico son claves para a viabilidade e a competitividade da industria galega.

 

Conde salientou que estes dous aspectos son fundamentais para que empresas como Alcoa ou Stellantis sigan tendo futuro en San Cibrao e Vigo, e que os proxectos de implantación en Galicia como Altri en Palas, Showa Denko na Coruña ou Sentury e a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP nas Pontes se convertan nunha realidade. O acceso á enerxía renovable e contar con mellores infraestruturas de conexión á rede eléctrica permitiríalles abaratar a factura enerxética.

 

O responsable de Economía, Industria e Innovación lembrou que a Xunta lle solicitou ao Goberno que tramite canto antes os 13 parques eólicos vinculados con Alcoa, Sentury e Showa Denko, que deben ser autorizados pola Administración central porque son de máis de 50MW. E xunto con isto, que entregue en prazo os informes solicitados desde Galicia para tramitar con todas as garantías os proxectos de ata 50MW. Ademais, Conde sinalou que é moi importante que o Goberno axilice as declaracións de impacto ambiental que ten pendentes.

 

O vicepresidente económico lembrou que tamén se solicitou ao Goberno que incremente os investimentos nas redes de distribución e transporte e atenda ás prioridades trasladadas desde a Xunta de Galicia, unha proposta que permitiría unha maior infraestrutura para absorber a xeración renovable e garantiría unha maior capacidade do sistema para facer fronte ás demandas enerxéticas da industria, con mellores índices de calidade. Facilitaría tamén aos promotores un acceso á rede nos nós máis próximos aos seus proxectos, reducindo así a extensión das liñas de evacuación que xeran sempre unha maior afección ao territorio.

 
Entre as demandas trasladadas pola Xunta está determinar o destino dos 1.400MW de capacidade dispoñible no nó existente nas Pontes para os proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona. Tamén se pide reconsiderar a demanda histórica de dotar Vigo dunha subestación de 220kV que garanta a subministración da factoría de Balaídos e de toda a área industrial da zona.

Imaxes relacionadas