A Xunta ofrece a súa estratexia de emprego ‘Xempre’ ao sector da hostalaría e o turismo para formar e cubrir vacantes con persoal cualificado

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa Confederación Empresarial de Hostalería e Turismo de Galicia

Avanzou que a Xunta está a acometer a modernización do servizo de emprego que pasará pola mellora das oficinas, a dixitalización e a formación do persoal

A Administración autonómica porá en marcha en 2023 un programa que promove a formación profesional de galegas e galegos emigrados para favorecer o seu retorno e reter talento

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa Confederación Empresarial de Hostelería e Turismo de Galicia, sobre a problemática das vacantes neste sector que a Xunta pretende atallar coa súa estratexia de emprego Xempre Contigo, que enfrontará o próximo ano retos como a modernización das oficinas de emprego, a súa dixitalización e unha aposta sen precedentes pola cualificación das persoas traballadoras en sectores con gran demanda.

O Goberno galego, tal e como amosou Lorenzana aos representantes da hostalaría e turismo, apela á colaboración entre administracións e tecido empresarial para conseguir dinamizar os sectores estratéxicos.

Para acadalo, o departamento de Promoción do Emprego está a acometer a modernización integral do servizo galego de emprego que pasará pola mellora e/ou adquisición de novas infraestruturas, a dixitalización do sistema -que incorporará unha nova metodoloxía que permitirá ler en tempo real as necesidades de man de obra e poder casalas coa demanda- e mesmo a formación de traballadoras e traballadores das oficinas para brindar a mellor atención ás persoas usuarias.

Lorenzana apelou ao consenso entre empresarias e administracións na dinamización destes sectores estratéxicos. A cualificación xogará neste obxectivo un papel fundamental. Así, a partida que a Consellería destinará á formación para o emprego e a orientación laboral chegará ata os 202,2 millóns de euros en 2023, crecendo un 9,6%, para dar continuidade á Axenda Galega de Capacidades para o Emprego como conectora entre as necesidades de man de obra do tecido empresarial e as persoas traballadoras. O novo Plan Galego de Formación para o Emprego suporá máis de 104M€.

A Xunta quere ofrecer novas oportunidades laborais a quen se atope en situación de desemprego e mellorar as das persoas traballadoras ocupadas, a través da formación.

Lorenzana especificou que o seu departamento seguirá a apoiar o tecido empresarial
-para que poida xerar máis e mellor emprego, incrementar a súa produtividade e conseguir un crecemento sostible- e a fomentar o emprendemento vencellado ao territorio, o traballo autónomo e a economía social.

Lorenzana anunciou o lanzamento o ano que vén do novo programa Retorna Cualifica que nace coa intención de acadar, a través da formación profesional, a volta e retención do talento de galegas e galegos emigrados a través do sistema galego de emprego.

A comunidade, por outra banda, será a primeira en ofrecer a partires do próximo ano, microformacións dirixidas a acreditar competencias específicas, unha medida recomendada pola Unión Europea e pioneira no conxunto de España coas que se quere dar resposta á necesidade de formación para enfrontar, entre outros retos, a dobre transición dixital e verde, favorecendo a mellora da empregabilidade.

Imaxes relacionadas