A Xunta constrúe unha senda peonil na estrada LU-530 entre Carballido e Manzoi, no concello de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego inviste 185.000 euros para facilitar o tránsito a pé en condicións de seguridade nun treito da vía autonómica que coincide co Camiño Primitivo

Lugo, 3 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a construír unha senda peonil de 1,3 quilómetros de lonxitude nun treito da estrada autonómica LU-530 que coincide co Camiño Primitivo entre os núcleos de Carballido e Manzoi, no concello de Lugo.

 

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, nos que a Xunta inviste 185.000 euros co fin de reforzar a seguridade nesta zona na que conflúe o tránsito rodado co peonil.

 

O novo itinerario execútase na marxe esquerda da estrada, entre os pq 6+800 e 8+100. O trazado deseñouse por fóra da plataforma da vía, agás nun punto no que non é posible – do pq 6+800 ao 6+900 -, e no que discorrerá paralela á calzada pola cuneta actual.

 

A senda será de saburra estabilizada con cemento e para salvar o rego de Carballido contará cunha pasarela de madeira que xa está a ser instalada. Tamén está previsto reforzar a sinalización.

 

Arias afirmou que deste xeito mellórase a seguridade para os peregrinos e veciños que atravesen a pé esta zona da LU-530, a estrada que comunica Lugo coa Fonsagrada. Lembrou que ata o de agora a vía carecía dunha superficie específica para o tránsito dos peóns, o que os obrigaba a circular pola beiravía da marxe dereita e a cruzar a calzada en dúas ocasións.

 
Apuntou que a Xunta ten en marcha novas actuacións de mellora de seguridade na rede viaria de titularidade autonómica no ámbito dos Camiños de Santiago en Galicia, que no conxunto da Comunidade supoñen un investimento de 1,8 M€. No tocante á provincia de Lugo, hai programadas este ano 23 intervencións que se atopan en diferentes fases de execución: oito no Camiño Primitivo, sete no de Inverno, seis no Francés e dous no Norte.

Imaxes relacionadas