A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou hoxe as obras que se están a realizar neste concello

A Xunta inviste preto de 50.000 euros na mellora da rede viaria dos lugares da Falmega e do Curro, no concello coruñés de Oroso

A axuda foi concedida ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

A finalidade destas achegas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme ou a limpeza das marxes

Oroso (A Coruña), 2 de decembro de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou hoxe as obras de mellora da rede viaria dos lugares da Falmega, na parroquia da Gándara, e do Curro, en Vilarromarís, pertencentes ao concello coruñés de Oroso, para as que se concedeu unha axuda total de preto de 50.000 euros, ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.

Así, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.

Este investimento entra dentro do orzamento total da última convocatoria destas axudas, que foi de preto de 18 millóns de euros. Cabe destacar, ademais, que a provincia da Coruña foi a de maior dotación con máis de 5 millóns de euros para 195 actuacións en preto de 160 quilómetros de vías. De cara ao 2023, investiranse 19,7 millóns de euros nestas achegas.

O obxectivo do plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas. Estes camiños facilitan o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios das respectivas contornas. Por iso, a Xunta quere promover con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

Imaxes relacionadas