Arias confirma que a Xunta impulsará a Aula da Natureza que lle cede o Club Ancares en Cervantes

O delegado territorial de Lugo asinou hoxe a escritura de cesión gratuíta xunto co presidente da entidade, Alfredo Sánchez Carro

Lugo, 2 de decembro de 2022

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, confirmou hoxe que a Xunta revitalizará a Aula da Natureza dos Ancares, que lle cede gratuitamente o Club Ancares no municipio de Cervantes.

Arias asinou hoxe a escritura de cesión xunto co presidente da citada entidade, Alfredo Sánchez Carro, nun acto ao que tamén asistiron o vicepresidente do club, Pedro Torrens, e o secretario, Jesús Gayoso.

 

A Asociación Club Ancares cede á Xunta unha parcela rústica de 10.873 m2 na parroquia de Santiago de Cereixedo, na que se atopa o edificio que se dedica a Aula da Natureza; consta de dúas plantas, a baixa de 159 m2e a primeira planta de 161 m2.O club mantén a xestión da maior parte da superficie da contorna, onde tamén se sitúa o inmoble do albergue.

 

Enmárcase na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Tamén forma parte da Zona de especial conservación (ZEC) Os Ancares- O Courel, que cunha superficie de 100.000 ha é a máis extensa de Galicia, e representa case o 30% da superficie total da Rede Natura 2000 da comunidade. Nos últimos anos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda levou a cabo unha serie de actuacións e medidas por un importe de preto de 800.000 euros para garantir as súas condicións naturais e o mantemento da biodiversidade.

Ademais, a Consellería vén de destinar ao órgano xestor da reserva da Biosfera 427.000 euros para o bienio 2022-2023 a través da convocatoria de axudas para a xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sustentable e a mellora do patrimonio cultural das reservas da biosfera de Galicia.


Coa xestión da Aula da Natureza, afirmou Arias, “damos un paso máis no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento económico e social deste territorio, que está intimamente ligado á conservación medioambiental”.

Imaxes relacionadas