Diego Calvo visitará esta semana en República Dominicana proxectos financiados pola cooperación galega

O vicepresidente segundo da Xunta coñecerá os proxectos levados a cabo no país a través de ONGD como Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO ou as fundacións Balms para a infancia, ou Intered
 

República Dominica é un país prioritario para a Cooperación Galega desde 2006 e neste período a Xunta leva investidos máis de 7,3M€ a través dos 4 Plans Directores da Cooperación Galega

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, percorrerá República Dominicana desde mañá ata martes  co obxectivo de visitar os proxectos que a Xunta de Galicia, a través dos fondos de cooperación para o desenvolvemento, financia neste país e que en este momento están sendo executados por ONGD como a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) en agrupación coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), así como a Fundación Balms para a infancia ou a Fundación Intered.


Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, coñecerá en profundidade proxectos sobre habitabilidade, educación e desenvolvemento comunitario.

 

Os obxectivos principais da viaxe ao país, ademais de coñecer de primeira man os proxectos que se están a financiar na actualidade, pasan tamén por reunirse coas organizacións que lideran estes proxectos e coas autoridades locais que os apoian, así como escoitar as apreciacións das persoas beneficiarias dos mesmos.

 

O percorrido comezará mañá en San Pedro de Macorís, onde as ONGD a Asemblea de Cooperación pola Paz e AGARESO están a executar de forma conxunta proxectos de habitabilidade, mellora educativa e fortalecemento comunitario, financiados pola Cooperación Galega, en colaboración co seu socio local, o Instituto de Acción Comunitaria (IDACOM).

 

Tamén na xornada de mañá o vicepresidente segundo da Xunta reunirase co embaixador de España na República Dominicana, Antonio Pérez-Hernández y Torra.

 

Xa o luns, 5 de decembro, trasladarase a Santiago dos Cabaleiros onde coñecerá a varias das persoas beneficiarias dos proxectos da Fundación Balms para a Infancia no barrio de Santa Lucía e no distrito Santiago Oeste, centrados no ámbito educativo e na igualdade de xénero. Estas iniciativas son levadas a cabo cos seus socios locais Fundación Solidariedade e o Centro Integral para o Desenvolvemento Local (CIDEL). Nese mesmo día reuniranse con autoridades locais e con representantes de organizacións da sociedade civil desta zona.

 

Ese mesmo día regresará a Santo Domingo para visitar ao día seguinte, martes 6 de novembro, as iniciativas levadas a cabo pola Fundación Intered xunto cos seus socios locais, isto é a Confederación Nacional de Mulleres do Campo (CONAMUCA) e o Movemento de Mulleres Dominico-Haitianas (MUDHA). Xunto coas integrantes do Club de nenas do batey Matamamón e as súas familias comprobará os procesos levados a cabo para fomentar contornas familiares que eviten os MIUT (matrimonios infantís e unións temperás).

 

País estratéxico

República Dominicana é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolvido por numerosos axentes galegos de cooperación neste país.
 
O seu carácter prioritario aparece recollido nos Plans Directores que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia desde o 2006 ata este momento, o que explica que o volume de axuda canalizada ao país  neste período. Así nos 4 Plans Directores aprobados neste período, o investimento da Xunta no país supera o 7,3 millóns de euros, case 2,7 millóns no último IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.