A Xunta convoca, para decembro e marzo, os propietarios dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da AC-862 entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera

Trátase da 2ª fase de acondicionamento desta vía autonómica, coas obras xa licitadas por 6,8 M€, e coa que a Xunta culminará a transformación integral do eixe San Sadurniño-Ortigueira cun investimento global de case 15 M€
 

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, os concellos de Cedeira, Cerdido e Ortigueira acollerán o levantamento de actas previas á ocupación entre os días 19 e 23 de decembro; e a formalización fixase para os días 8, 9, 10 e 13 de marzo de 2023
 

A Xunta tramitará en paralelo as expropiacións e a adxudicación das obras co obxectivo de iniciar os traballos na primavera
 

Actuarase no treito de 3 km entre o Campo do Hospital e A Ponte Mera, rectificando 13 curvas con radio reducido, executando cunetas de seguridade ou carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos
 

Na intervención prevese a instalación de barreiras para a protección de motoristas, a ampliación das beiravías e a renovación da sinalización, vertical e horizontal
 

Esta actuación súmase á 1ª fase no tramo da estrada entre San Sadurniño e o Campo do Hospital, 18 km transformados grazas a investimento de 7,2 M€

Santiago de Compostela, 2 de decembro A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para decembro e marzo, dos propietarios dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da estrada autonómica AC-862 entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, nos municipios de Cedeira, Cerdido e Ortigueira.

 

Trátase da 2ª fase de acondicionamento da AC-862, cuxas obras foron recentemente licitadas por importe de 6,8 M€, e coa que a Xunta culminará a transformación integral do eixe San Sadurniño-Ortigueira cun investimento de case 15 M€. As empresas interesadas nos traballos teñen de prazo ata o 21 de decembro para achegar as ofertas.

 

O acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos situados no concello de Ortigueira fíxase no antigo Hospital de San Roque (rúa Príncipe), para os días 19, 20 e 21 de decembro. O día 22 de decembro están citados os titulares dos terreos situados no municipio de Cedeira, na Casa do Concello; e o día 23 na Casa de Cultura do Concello de Cerdido,  situado en Felgosas, na Barqueira.

 

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse o detalle desta convocatoria: https://acortar.link/2l0y4i

 

Posteriormente, no mes de marzo de 2023, convócase o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. En concreto, en Ortigueira convócanse para os días 8, 9 e 10 de marzo, novamente no antigo Hospital de San Roque. En Cedeira, os titulares dos terreos están citados o día 13 de marzo, na Casa do Concello; mesma data da convocatoria en Cerdido, neste caso na Casa da Cultura do municipio.

 

A obra foi licitada o pasado día 16 de novembro e o último día para o levantamento de actas de ocupación é o vindeiro 13 de marzo, polo que a Xunta tramitará en paralelo o proceso de adxudicación das obras e o de expropiacións co obxectivo de iniciar os traballos xa na primavera. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

 

Unha vez completada xa a 1ª fase das obras executadas no tramo entre San Sadurniño e o Campo do Hospital, con esa actuación melloraranse 3 km do treito entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, reforzando a seguridade, tanto desde o punto de vista do tráfico rodado, como dos demais usuarios da estrada.

 

Na intervención acometeranse actuacións similares ás do 1º treito, seguindo as mesas características técnicas, coa rectificación de 13 curvas con radio reducido, a execución de cunetas de seguridade e a dotación de carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos.

 

A actuación incluirá a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura dos recheos supere os 3 metros de altura; así como a instalación de barreiras para a protección de motoristas, nas zonas con radio reducido; a ampliación das beiravías; e a renovación da sinalización, vertical e horizontal.

 
Esta nova obra súmase á realizada no tramo desta estrada entre San Sadurniño e O Campo do Hospital co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade das comarcas de Ferrolterra e Ortegal. Na primeira fase actuouse transformando a AC-862 ao longo de 18 km grazas a investimento autonómico de 7,2 M€.