A Xunta e os axentes sociais coinciden na importancia do desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia para garantir a competitividade da industria

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou nunha nova xuntanza da Mesa do Diálogo Social na que lles presentou os proxectos tractores cos que Galicia agarda obter fondos europeos

Propón que se integren na alianza industrial do hidróxeno verde

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde nunha nova xuntanza da Mesa do Diálogo Social, na que presentou os proxectos tractores cos que Galicia agarda obter fondos europeos. Un obxectivo para o que, coincidiron, será necesario o desenvolvemento das enerxías renovables que, á súa vez, garantirán a competitividade da industria.

 

Así, Conde trasladou á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e aos sindicatos CCOO e UGT Galicia o impacto que proxectos como a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, a planta de hidróxeno verde de EDP e Reganosa nas Pontes, ou a planta de fertilizantes de Repsol, Naturgy e Reganosa en Meirama, poderían ter para toda Galicia. O vicepresidente económico tamén explicou que a Xunta está tramitando máis dunha trintena de proxectos que, de conseguir fondos europeos, suporían un importante paso para o progreso social e económico de Galicia.

 

No transcurso da xuntanza avaliáronse os obstáculos que as comunidades autónomas están tendo para impulsar proxectos susceptibles de captar fondos europeos. É necesario contar con maior axilidade e máis descentralización. Neste sentido, o Goberno central reservou para si o 100% dos fondos destinados á industria, o que limita a capacidade dos territorios. Tamén se explicaron as demandas que Galicia está realizando na planificación eléctrica e no desenvolvemento eólico, pois o eido enerxético está estreitamente vinculado coa competitividade industrial.

 

Con esta nova reunión, Galicia quere dar a este órgano unha presenza estable na axenda económica que se está desenvolvendo no contexto actual, por iso tamén propuxo á Mesa do Diálogo Social a súa integración na alianza industrial do hidróxeno verde.

Imaxes relacionadas