O programa ‘Nin+nin-iguais’ volta aos centros escolares para favorecer o encontro da mocidade con mulleres singulares e promover a igualdade

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estrea mañá no IES de Porto do Son unha nova edición protagonizada pola investigadora Alicia Estévez Toranzo, premio María Josefa Wonenburger 2018
 

Durante o presente curso académico, un total de 15 centros participarán na iniciativa
 

O proxecto, que se iniciou en 2018 e foi interrompido pola pandemia percorreu 13 concellos chegando a máis de 1.500 escolares

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en marcha unha nova edición do proxecto Nin+ nin – iguais que se estrea mañá no IES Porto do Son (A Coruña) e percorrerá 15 centros durante o presente curso para poñer en contacto ás e os escolares con mulleres referentes que destacan en sectores tradicionalmente masculinizados.

 

A iniciativa quere favorecer o encontro do alumnado con mulleres singulares líderes nos seus respectivos sectores, como a ciencia ou o rural, coa idea de que mozas e mozos teñan referentes femininas en áreas onde a presenza de homes resulta aínda maioritaria. Trátase así de potenciar a educación en igualdade das persoas novas e de conciencialas de que poden ser o que queiran ser, sen importar o xénero.

 

O primeiro dos encontros celebrarase mañá en Porto do Son, onde a invitada será Alicia Estévez Toranzo -licenciada en Bioloxía e Farmacia e catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago desde 1991- gañadora do premio da Xunta de Galicia María Josefa Wonenburger no ano 2018.

 

Nos próximos días celebraranse actividades semellantes dirixidas ao alumnado de Secundaria de Santa Comba na Coruña (14 de decembro) e Valga, en Pontevedra (21 de decembro). Ata final de ano, celebraranse outras 12 conferencias en diferentes puntos da comunidade.

 

Os centros participantes no programa contarán durante varias semanas coa exposición sobre o premios María Wonenburger e con oito paneis con datos actuais sobre a presenza da muller no eido científico.

 
Nin+nin-iguais iniciouse no curso escolar 2018-2019. A pesares do parón motivado pola pandemia, xa percorreu 17 centros escolares situados en 13 concellos. O programa permitiu ata o de agora chegar a máis de 1.500 alumnas e alumnos e a 80 docentes, axudando a concienciar acerca das fendas de xénero no eido profesional e os teitos de cristal e contribuír a rachalas xa desde idades temperás.