A Xunta aposta pola actualización continua da formación das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do ‘IV Encontro de Xefes e Mandos de Policía Local de Galicia’, organizado pola asociación Axempol
 

A Academia Galega de Seguridade Pública é o centro de referencia para formar os efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade
 

Ocúpase do proceso de selección de policías locais que o próximo ano acollerá a 15ª promoción, incluíndo os aspirantes que superen todas as probas para cubrir 84 prazas en 23 concellos galegos

A Estrada (Pontevedra), 1 de decembro de 2022 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do IV Encontro de xefes e mandos de Policía Local de Galicia na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). No encontro, organizado pola Asociación de Xefes e Mandos de Policía Local de Galicia (Axempol) abordáronse temas de interese policial como os aspectos novidosos en materia de circulación e tráfico urbano desde o ámbito penal e fíxose entrega de distincións tanto a xefes e mandos xubilados como a persoal activo.

 

Santiago Villanueva recoñeceu o traballo dos policías locais nos concellos galegos e a importancia da actualización continua dos coñecementos dos corpos e forzas de seguridade, que se leva a cabo na AGASP, ao que definiu como centro de referencia da súa formación.

 

A Academia está a formar os alumnos dos procesos de selección para optar a prazas para Policía Local centralizados pola Xunta. A Administración autonómica publicou a finais de 2017 un decreto para unificar na AGASP as oposicións de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria e, actualmente, xa son 89 os municipios que se adheriron a este procedemento.

 

Actualmente está a piques de rematar o proceso de selección para cubrir 84 prazas de Policía Local en 23 concellos galegos. De feito, mañá mesmo a AGASP acollerá o cuarto exercicio correspondente ás probas psicotécnicas ás que están convocados 172 aspirantes.

Unha vez rematado o proceso, quen superen todas as probas formarán parte da 15ª promoción de Policía Local da AGASP.

 
Ademais, o próximo ano o centro actualizará o seu plan de formación continua con cursos destinados a mellorar a preparación dos axentes das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia -Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil- e dos efectivos dos servizos de emerxencias da comunidade.