A Xunta contribúe á nova programación escénica de Santiago con 15 pases de sete espectáculos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da carteleira de teatro e danza que despregarán o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia no primeiro semestre de 2023
 

Matarile Teatro, Redrum e Ainé estrearán as súas novas producións no marco do circuíto autonómico, que tamén lle achegará ao público compostelán as últimas propostas de Malasombra, Mofa & Befa, Inversa e Talía

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofreceralle ao público compostelán unha escolma da máis actual produción teatral galega da man das sete compañías que actuarán durante o primeiro semestre de 2023 no Teatro Principal dentro deste circuíto autonómico de espectáculos, cofinanciado pola Xunta de Galicia e 40 entidades locais asociadas.

 

Así o adiantou hoxe o director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, quen participou na presentación da nova programación de artes escénicas do Concello de Santiago, conformada por unha trintena de montaxes de teatro e danza que poderán verse do 21 de xaneiro ao 21 de xuño tanto no Principal como no Auditorio de Galicia.

 

O teatro galego será protagonista nesta carteleira, especialmente no que atinxe ás sete propostas que chegarán a Santiago a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e que suman 15 representacións. Como explicou Sutil, nestes momentos aínda permanece aberto o prazo para que os espazos adheridos configuren a programación que desenvolverán ao abeiro do circuíto da Xunta, que en 2022 terá superado as 500 funcións de teatro, maxia, danza, circo e música cun orzamento global de máis de 1,8 millóns de euros, destinado integramente á contratación de 181 formacións artísticas.

 

Estreas absolutas

A través da Rede, o Teatro Principal será o escenario das estreas absolutas de tres producións galegas: Pussy Cake, o novo de Matarile Teatro con dirección e dramaturxia visual de Baltasar Patiño, o 26 e 27 de xaneiro; Hamelin, a través da que Redrum Teatro ofrece unha visión contemporánea e inquietante do conto clásico, os días 23 e 24 de febreiro, e Códice-K, na que Ainé Produción se achega á historia do roubo do Códice Calixtino, os días 24 e 25 de marzo.

 

Completan a próxima carteleira do Teatro Principal como parte do circuíto autonómico Vox Populi, de Malasombra, o 2 e 3 de febreiro; Pirolíticos, de Mofa & Befa, do 9 ao 11 de febreiro; O péndulo, de Inversa Teatro en coprodución co Centro DramáticoGgalego, o 3 e 4 de marzo, e Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, o 12 e 13 de maio.

 
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou igualmente a calidade do conxunto da programación presentada hoxe, “unha carteleira moi selecta, que tamén trae a Galicia éxitos incontestables do teatro actual do resto do Estado, sen esquecer os espectáculos que lideran os nosos profesionais nos principais escenarios e festivais españois, como Marta Pazos con Safo, e mesmo reposicións de grandes éxitos do noso teatro galego, como Elisa e Marcela, de A Panadaría”, remarcou.