A Xunta de Galicia remarca o papel de referente que ten Santiago de Compostela no sector biotecnolóxico

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na xornada ‘O sector industrial en Santiago e comarca. Proxección de futuro’, organizada pola Cámara de Comercio

Subliña que o Polo da Sionlla pon de manifesto que na comarca hai capacidade instalada cando se fala de I+D+i

Salienta que a Administración autonómica busca servir de panca para que se poidan promover novos proxectos industriais, desenvolvendo un marco normativo axeitado, impulsando o acceso ao solo empresarial e priorizando o desenvolvemento de instalacións de renovables vinculadas á industria

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou esta mañá, na xornada O sector industrial en Santiago e comarca. Proxección de futuro organizada pola Cámara de Comercio de Santiago, o papel de referente que ten Santiago de Compostela no sector biotecnolóxico, subliñando que o Polo da Sionlla pon de manifesto que na comarca hai capacidade instalada cando se fala de I+D+i.

 

Así, Conde destacou que na iniciativa colaboran diferentes administracións, a Cámara, a Área Empresarial do Tambre e a Universidade de Santiago de Compostela, conformando unha alianza estratéxica para fomentar un ecosistema no eido biotecnolóxico.

 

O vicepresidente económico, que destacou os diferentes proxectos industriais que se están a desenvolver na comarca en sectores como o forestal, o conserveiro ou o TIC, entre outros, apuntou que é preciso “seguir cultivando proxectos e iniciativas” e salientou que o papel da Administración é ser facilitadora e servir de panca para que a iniciativa privada poida promover eses proxectos.

 

Neste sentido, destacou tres eidos nos que se está a traballar. En primeiro lugar, o ámbito normativo, poñendo as bases para que os proxectos se poidan desenvolver en tempo e forma. Así, explicou que a través de figuras como os proxectos industriais estratéxicos ou as iniciativas empresariais prioritarias están en tramitación unha trintena de proxectos que reciben un tratamento específico e singular.

 

En segundo lugar, apuntou ao desenvolvemento de solo industrial, subliñando que no parque empresarial da Sionlla a Xunta de Galicia leva investidos 77 millóns de euros, e adxudicáronse case 600.000 m2, o que, segundo o vicepresidente económico, pon de relevo o dinamismo empresarial en Santiago de Compostela.

 

Por último, Francisco Conde indicou que a axenda industrial de Galicia está vinculada directamente ao desenvolvemento de enerxías renovables, priorizando proxectos vinculados ao desenvolvemento industrial do territorio.

Imaxes relacionadas