Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue acolle a doazón do reitor da Universidade de Santiago de Compostela e invita aos estudantes a colaborar de xeito activo

A Universidade de Santiago de Compostela foi a de maior participación en Galicia durante o curso 2021-2022 dentro das campañas universitarias impulsadas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, acudiu esta mañá a doar sangue á unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que visitou a Facultade de Medicina, acto no que estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García.

 

Tanto o reitor da USC como a directora de ADOS, coincidiron en salientar o carácter solidario dos estudantes galegos, que realizaron 4.057 doazóns no transcurso do pasado curso académico 2021-2022. Neste sentido, subliñar que a Universidade de Santiago de Compostela foi a de maior participación das tres universidades galegas, rexistrando un total de 1.450 doazóns.

 

ADOS quere amosar o seu agradecemento aos responsables académicos, profesorado, alumnado e persoal que traballa nas tres universidades galegas, polo seu esforzo e implicación coas campañas de doazón de sangue impulsadas nos sete campus de Galicia, e na que nestes momentos se desenvolve o final da primeira fase do curso 2022-2023.

 

Traxectoria de colaboración

ADOS e a USC teñen unha longa traxectoria de colaboración no ámbito da doazón, que ambas institucións queren potenciar e poñer en valor. Por este motivo, promoven campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que conforman a USC con periodicidade anual, estruturadas en dúas fases: a primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda de febreiro a abril.

 

ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de datos de doantes de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requirimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade. Desta maneira, ADOS e a USC establecen, de forma conxunta, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea dende a comunidade universitaria.

Imaxes relacionadas