Diego Calvo destaca o elevado grao de atención e eficacia da Policía Autonómica a prol da seguridade en Galicia

Na entrega das medallas da unidade policial sinalou como piares básicos de actuación a loita contra os incendios forestais e o furtivismo, a protección das vítimas de violencia de xénero e dos menores e o servizo de prevención no Camiño de Santiago

No acto 77 policías autonómicos foron recoñecidos con distintivos de permanencia e outros 14 recibiron medallas de prata polo sobresaínte valor persoal ou risco para a integridade física

Tamén se entregaron 10 distincións honoríficas a persoal alleo á Policía Autonómica, entre os que figuran o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo

O vicepresidente segundo insistiu na reclamación ao Ministerio do Interior para completar o cadro de persoal da UPA, formado a día de hoxe por 364 axentes, o 73% do previsto para Galicia

A Estrada (Pontevedra), 30 de novembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega de distintivos de permanencia e de medallas ao persoal da Policía Autonómica (UPA), onde destacou o elevado grao de atención e eficacia deste corpo a prol da seguridade en Galicia. No acto, no que tamén interveu o comisario xefe da UPA, Jorge Rubal, recoñeceuse a permanencia de 77 axentes policiais con diferentes graos de antigüidade, ademais de entregarse 14 medallas de prata polo sobresaínte valor persoal ou risco para a integridade física e 10 distincións honoríficas a persoal alleo á unidade policial.

 

Destas últimas, cinco foron por colaboración continuada e concedéronselle ao comisario de Santiago, Juan Cástor Vázquez, ao tenente coronel da Comandancia de Ourense, Rafael López, ao intendente da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro, ao xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e ao técnico do Grupo Loxístico GALI, José Antonio Argibay. As cinco restantes recibíronas pola súa especial dedicación nos incendios forestais do pasado verán os tenentes da Garda Civil da Rúa, David Blanco, e de Monforte de Lemos, Francisco González, os policías das comisarías de Ribeira Francisco Ramón Diz e Bruno Goce e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

 

Na súa intervención, Diego Calvo eloxiou o labor desenvolvido pola Policía Autonómica no eido ambiental. Nesta liña, sinalou que no que vai de ano a unidade policial esclareceu máis de 200 lumes, moitos deles en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural. Como resultado máis de medio cento de persoas foron investigadas. O vicepresidente segundo referiuse á participación activa en lumes especialmente virulentos, como os do Courel, Valdeorras, Verín, Boiro e Ribeira ou Vilagarcía de Arousa, que fixeron merecentes das medallas de prata a 14 policías.

 

Protección dos recursos mariños

Calvo destacou como outro dos piares básicos as actuacións para a protección do medio e dos recursos mariños, e en especial, na loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. “Os datos avalan tamén o empeño e a eficacia no voso labor, cun incremento das inspeccións, os vehículos rexistrados e as denuncias formuladas que deu como resultado 73 persoas investigadas” apuntou.

 

A protección das vítimas de violencia de xénero e dos menores, así como dos edificios e das persoas con responsabilidade no Goberno galego, e o servizo de prevención no Camiño de Santiago son outros dos cometidos nos que puxo o foco o vicepresidente segundo para exemplificar a relevancia da Policía Autonómica a prol dunha Galicia que sexa “un dos territorios máis seguros para vivir, traballar e visitar como destino turístico”.

 

A necesidade deste corpo policial para a comunidade levou a Diego Calvo a insistir unha vez máis na reclamación da Xunta ao Ministerio do Interior para que aprobe o convenio que permita convocar o concurso de prazas vacantes e ter así o 100% da dotación de policías autonómicas prevista para Galicia. Segundo indicou, os 364 axentes que conforman na actualidade o corpo representan o 73% do cadro de persoal que debería haber.