A Xunta promove a prevención do acoso laboral entre as pemes e as persoas traballadoras mediante formación en liña e xornadas entre a mocidade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunha xornada na Facultade de Dereito de Ourense sobre violencia e acoso nas relacións laborais

Ourense, 30 de novembro de 2022 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na presentación do protocolo Violencia e acoso nas relacións laborais 360º organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais na Facultade de Dereito de Ourense, onde puxo en valor a labor divulgativa que a Xunta está a facer para detectar e previr o acoso no eido laboral e para acadar a igualdade nestas contornas.

 

Mancha aludiu na súa intervención á necesidade de potenciar a presenza feminina no mercado de traballo, de loitar contra fenda salarial e contra a dificultade das traballadoras no acceso a postos de liderado e de previr o acoso e os problemas de saúde mental que por causa de xénero afectan ás mulleres. “É fundamental que loitemos contra estas tendencias formando e sensibilizando en igualdade ás novas xeracións”, incidiu.

 

O Consello Galego de Relacións Laborais conta con ferramentas para detectar e actuar contra o acoso, como un consensuado cos axentes sociais. A Xunta ten a dispor das pemes unha guía para a implantación das medidas dese protocolo e ofrece curso específico de 10 horas de duración sobre a materia que leva cinco edicións celebradas, cun total de 223 persoas participantes, a través do campus virtual de formación en igualdade laboral.

 

“É totalmente necesario que todas as administracións, axentes sociais, e empresas presten a máxima atención a este problema e consigan a sensibilización d a poboación traballadora”, remarcou a directora xeral.

Imaxes relacionadas