A Xunta destaca o traballo das mesas locais contra a violencia de xénero, que traballan en 44 concellos da provincia de Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia López, inauguraron esta mañá as Xornadas de divulgación da Diagnose e Boas Prácticas destas entidades no edificio administrativo


O representante autonómico cualificou de fundamental “o traballo de coordinación entre todas as institucións, xa que incrementa moito a eficacia na prevención, e facilita atender ás vítimas en todos os ámbitos, dende a seguridade ata aspectos sanitarios, residenciais ou económicos”


A provincia de Pontevedra ten constituídas 29 mesas locais contra a violencia de xénero, das que dúas son mancomunadas entre varios concellos, e conta coa maior participación de entidades de toda Galicia nesta materia, alcanzando um 73% de iniciativas o pasado ano
 

Pontevedra, 30 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a colaborar, reforzar e impulsar o traballo das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, que xa traballan en 44 concellos da provincia de Pontevedra, o que supón o 72% do territorio.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe o labor destas entidades e o apoio que reciben do Goberno galego no marco do acto de inauguración das Xornadas de divulgación da Diagnose e Boas Prácticas das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, que se celebrou no edificio administrativo de Campolongo e que tamén contou coa participación da subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia López.

O representante autonómico cualificou de fundamental “o traballo de coordinación entre todas as institucións, xa que incrementa moito a eficacia na prevención das vítimas, e ademais permite atendelas coa maior axilidade e facelo en todos os ámbitos necesarios, que van dende a seguridade e a protección ata aspectos sanitarios, psicolóxicos, residenciais ou económicos, entre outros”.

Por elo, puxo en valor o traballo destas mesas locais e tamén o apoio e colaboración da Xunta de Galicia para que desenvolvan o seu labor nas mellores condicións e para que se impulse e se dinamice a coordinación interinstitucional, “xa que é un camiño que ten demostrado que permite avanzar na protección das vítimas, aínda que, para o que traballamos todos, é para a configuración definitiva dunha sociedade en igualdade e a erradicación inmediata e absoluta da violencia de xénero en todas as súas formas”.

Durante estas xornadas, informouse que na provincia de Pontevedra están constituídas na actualidade un total de 29 mesas locais contra a violencia de xénero, das que dúas son mancomunadas e nas que participan varios concellos, e ademais cóntase coa maior porcentaxe de participación de entidades da rede contra a violencia de xénero de toda a comunidae galega, xa que na provincia acadaron unha participación do 73% nas iniciativas do pasado ano.

A xornada tamén contou coa participación das poñentes Margarita de la Calle e Teresa Rocha, que son as directoras dos Centros de Información á Muller (CIM) da Estrada e Lalín, respectivamente, e que trasladaron ao encontro os traballos diarios nos seus municipios en materia de coordinación para a prevención e erradicación da violencia de xénero.