Diego Calvo invita os madrileños a camiñar a Galicia na recta final deste Xacobeo 21-22

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou xunto co director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, na presentación do libro ‘El puerto de La Coruña en el Camino Inglés a Santiago de Compostela’, de Alfonso García López

Madrid, 29 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, animou hoxe os madrileños desde a Casa de Galicia en Madrid a camiñar á comunidade galega na recta final deste Xacobeo 21-22 e tamén nos próximos anos para seguir mantendo récord de peregrinos coma neste 2022, no que xa se superan os 434.000. Así o destacou no acto de presentación do libro El puerto de La Coruña en el Camino Inglés a Santiago de Compostela, do autor Alfonso García López, no que estivo acompañado polo director da Casa de Galicia, Juan Serrano.

Na súa intervención destacou que o Camiño Inglés foi unha das rutas xacobeas que máis medrou nos últimos anos situándose como o cuarto itinerario máis escollido, só por detrás do Francés -que concentra máis da metade dos peregrinos- e do Portugués e a súa variante pola costa. En concreto, no que vai de ano case 24.000 persoas fixeron esta ruta con saída desde A Coruña ou Ferrol.

De feito, a obra de Alfonso García revela a importancia que tiveron entre os séculos XI e XVI as peregrinacións marítimas a Santiago de Compostela desde os países do norte de Europa e o impulso que supuxo para o porto da Coruña en tránsito de pasaxeiros e movemento de mercadorías.

Diego Calvo tamén puxo en valor o traballo da Casa de Galicia en Madrid, que acolleu esta presentación, polo gran labor que realiza na capital de España como centro que reúne todo tipo de actividades culturais e diferentes encontros entre entidades galegas con sede en Madrid, servindo de enlace para afianzar a relación entre ambas comunidades a nivel económico ou social. 

Imaxes relacionadas