A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participa hoxe nunha xuntanza telemática cos responsables de Transportes dos gobernos de Asturias e de Castela e León

Galicia, Castela e León e Asturias reforzan a acción conxunta para o impulso das infraestruturas do Corredor Atlántico Noroeste

O noroeste intensificará os actos comúns para reforzar a reivindicación ante o Goberno de España e a UE de investimentos na modernización e mellora da súa rede de comunicacións

As tres comunidades poñerán en común as respectivas estratexias das infraestruturas loxísticas, elaboradas por cada autonomía de forma coordinada

Os documentos identifican as prioridades de actuación en cada territorio para obter o máximo rendemento do Corredor Atlántico en termos de competitividade e capacidade loxística

Os obxectivos son reforzar a intermodalidade do tren cos demais soportes, aumentar a capacidade do ferrocarril e mellorar a relación tempo-prezo do transporte ferroviario de mercadorías
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022 Galicia, Castela e León e Asturias están a reforzar a acción conxunta para o impulso das infraestruturas do Corredor Atlántico Noroeste. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participan hoxe nunha xuntanza telemática coa conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González Corral, e co conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial do Principado de Asturias, Alejandro Calvo Rodríguez. 

Con este encontro, os responsables de transportes dos gobernos das tres comunidades autónomas confirman a vontade común do noroeste de intensificar os actos comúns e a da unión do noroeste arredor do Corredor Atlántico. O obxectivo é dotar de máis forza a reivindicación ante o Goberno de España e ante a UE para que se desenvolvan os investimentos precisos para acadar a modernización e mellora da rede de comunicacións deste ámbito territorial.

 As tres comunidades celebrarán proximamente un novo acto público no que se poñerán en común as respectivas estratexias das infraestruturas loxísticas, nas que cada una das autonomías identifica os principais problemas e carencias da súa rede de transportes e sinala as actuacións prioritarias que se deben desenvolver para optimizala.   

Trátase de unificar agora o traballo que as tres comunidades desenvolveron de forma separada pero coordinada en todo momento en canto a obxectivos e parámetros, co obxectivo de propoñer ante o Goberno de España e da UE, actuacións concertadas para o desenvolvemento do transporte intermodal e da loxística no noroeste español. 

O camiño común procura incrementar a eficiencia da loxística, mellorar a competitividade industrial e fomentar unha mobilidade máis sostible, algo que require dunha rede de transporte de mercadorías de calidade. Así, considérase que o Corredor Atlántico debe traducirse para o noroeste nunha maior intermodalidade, nun aumento da capacidade da rede e nunha mellora da relación custo-prazo do transporte de mercadorías por ferrocarril.