A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático reuniuse con representantes de ADEN

A Xunta valora o compromiso dos distribuidores de electrodomésticos co tratamento eficiente dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos

Sagrario Pérez salienta a súa relevancia á hora de incentivar a reciclaxe, non só no que atinxe á recollida de residuos, senón tamén na tarefa de sensibilizar á poboación na necesidade de avanzar cara a unha economía circular

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia puxo en valor o compromiso da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) co tratamento eficiente dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), tal e como lle trasladou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, aos representantes da entidade cos que se reuniu esta mañá.

 

Sagrario Pérez salientou a relevancia que ten esta asociación no traballo de incentivar a reciclaxe, non só no que atinxe á recollida de residuos, senón tamén na tarefa de sensibilizar á poboación na necesidade de avanzar cara a unha economía circular.

 

Nesa liña, logo de incidir en que esta entidade foi pioneira en adherirse ao Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP), a directora xeral fixo fincapé na iniciativa da entidade de conceder os Selos de Calidade Medioambiental ADEN, unha distinción que persegue premiar a aquelas empresas asociadas, e, polo tanto, a pequenos comercios, que teñan acreditado o seu labor no tratamento destes refugallos. Este recoñecemento contribuirá, segundo Sagrario Pérez, a promover que o comercio se compromete aínda máis cos obxectivos de desenvolvemento sostible establecidos no marco da Axenda 2030.

 

ADEN creouse no ano 2006 baixo a denominación Asociación de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos do Noroeste, pero modificou os seus estatutos en marzo de 2010 para ampliar o seu ámbito de actuación e converterse nunha asociación nacional. Conta na actualidade con máis de 750 empresas asociadas distribuídas en 7 comunidades autónomas con máis de 2.400 empregados.

Imaxes relacionadas