Lorenzana pon en valor a economía social como modelo comprometido co entorno, a inovación e o medio rural

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade clausurou hoxe en Santiago de Compostela o seminario rexional Agrosmart Global Galicia baixo o título Innovación intelixente na economía social e rural

Destaca a aposta da Xunta por esta fórmula empresarial á que destinará en 2023 un total de 42 millóns de euros, un 20,8% máis que este ano

O Goberno galego ultima a nova Estratexia de economía social para seguir impulsando o emprego estable e de calidade en Galicia e fixar poboación nas zonas rurais

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o modelo da economía social na clausura en Santiago de Compostela do seminario rexional Innovación intelixente na economía social e rural no marco de Agrosmart Global Galicia. Lorenzana destacou que é unha fórmula comprometida co entorno, a innovación e co medio rural, xeradora de emprego estable e de calidade e coa que se fixa poboación no rural. “A economía social tamén aposta polos colectivos vulnerables ou con difícil inserción no mercado laboral e actúa contra as desigualdades”, engadiu.

Por iso, a conselleira sinalou que a Xunta continúa apostando por este modelo “cun compromiso orzamentario para 2023” ao que se destina 42 millóns de euros, un 20,8% máis que en 2022. “Temos previsto intensificar as accións de difusión, apoiar a creación e difusión de iniciativas e promover o emprego inclusivo”, apuntou Lorenzana, quen salientou entre os diversos programas que se porá en marcha o vindeiro exercicio as iniciativas Es-Factory, de aceleradoras de emprendemento; Es-Transforma, para recuperar negocios sen remuda xeracional a través da súa transformación en entidades de economía social; ou Es-Próxima, para profundar no selo de identidade da economía social.

A titular de Promoción do Emprego puxo tamén de relevancia a celebración de seminarios como o que clausurou hoxe, xa que, segundo indicou, serven como “punto de encontro” e de “intercambio de coñecemento” para continuar dando pulo a unha fórmula que, en palabras da conselleira, é sinónimo de tradición e éxito, de cambio e innovación e representa os valores e principios que mellor definen ao pobo galego, como son a solidaridade e afouteza.

A conselleira agradeceu o labor que están a desenvolver para impulsar a economía social en Galicia entidades como a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentaria (Agaca), a organizadora do seminario, a quen tamén deu a noraboa por pilotar, co apoio da Xunta, o proxecto Agrosmart Global Galicia para a mellora da competitividade empresarial, que se desenvolve xunto con Portugal e Francia e coas comunidades de Castela A Mancha, País Vasco e A Rioxa. “Estades dando pasos en firme para avanzar nunha das fases máis complicadas e esixentes, como é o da comercialización e internacionalización”, subliñou.

A economía social está conformada na actualidade por 14.000 persoas que traballan nas máis de 3.000 entidades que operan neste segmento da economía que aposta pola cooperación, solidaridade, diversidade e igualdade.

Imaxes relacionadas