A Xunta de Galicia defende a necesidade de seguir tendendo pontes ao investimento desde a colaboración entre administracións

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela nas xornadas de dinamización empresarial organizadas polo Goberno galego

Desde a entrada en vigor da Lei de simplificación administrativa, a Oficina Galicia Empresa xa contribuíu a impulsar a tramitación de máis dunha trintena de proxectos

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, defendeu esta mañá a necesidade de seguir tendendo pontes ao investimento desde a colaboración entre administracións. O vicepresidente económico participou en Santiago de Compostela nas xornadas de dinamización empresarial na que tamén participaron representantes de Red Localis, da Universidade de Santiago de Compostela, de varios concellos e das ECCOM.

 

Conde explicou que para tender estas pontes ao investimento é necesario realizar tarefas de acompañamento ao tecido empresarial, así como poñer incentivos á súa disposición, ofrecer unha tramitación áxil, así como estabilidade e confianza.

 

Na súa intervención destacou que Administración autonómica e local van da man neste reto e enumerou os instrumentos que están permitindo captar investimento, como a Lei de simplificación administrativa ou a Lei de áreas empresariais nas que destaca a figura dos Concellos Emprendedores que xa son 153 -preto da metade- dos municipios galegos. Unha figura que goza de prioridade nas ordes de axuda de concorrencia competitiva.

 

O vicepresidente económico puxo en valor o traballo da Oficina Galicia Empresa como xanela única para o asesoramento e información e destacou que xa contribuíu a impulsar a tramitación de máis dunha trintena de proxectos como os de Altri, Showa Denko ou Sentury Tire, entre outros. “Este traballo permite que Galicia sexa unha fonte de oportunidades ao ofrecer unha interlocución directa non só con vocación de asesoramento, senón tamén co obxectivo de reducir os tempos de tramitación e facer de Galicia o mellor lugar onde investir”, subliñou.

Imaxes relacionadas