A Xunta organiza hoxe en Ourense unha xornada para presentar os avances na elaboración do novo Plan de saneamento de Galicia

Augas de Galicia está a progresar na 1ª fase de análise e diagnóstico da situación actual, que servirá de base para deseñar as directrices de saneamento na comunidade

O novo plan persegue dotar de saneamento adecuado os núcleos urbanos de máis de 1.000 habitantes, realizar a planificación axeitada na xestión das augas pluviais e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos

No encontro de hoxe participan preto de 40 técnicos procedentes de concellos da provincia de Ourense, de concesionarias dos servizos da auga, da Deputación Provincial e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ademais de Augas de Galicia

Ourense, 29 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, organiza hoxe na cidade de Ourense unha xornada de presentación dos avances na elaboración do novo Plan de saneamento de Galicia.  

 

Esta xornada, forma parte do traballo iniciado o pasado ano por Augas de Galicia para a actualización do Plan de saneamento vixente cun novo documento, que constituirá unha ferramenta imprescindible para abordar a estratexia de cambio climático, tanto no ámbito da mitigación dos seus efectos, como no da adaptación e anticipación ante as ameazas derivadas dun escenario de seca.

 

O novo plan persegue dotar de saneamento adecuado os núcleos urbanos de máis de 1.000 habitantes, realizar a planificación axeitada na xestión das augas pluviais e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos.

 

Neste encontro, que se celebra na facultade de Dereito, no campus universitario de Ourense,  participan preto de 40 técnicos, procedentes de concellos da provincia de Ourense, de concesionarias dos servizos de tratamento da auga, da Deputación Provincial de Ourense e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ademais de Augas de Galicia, como impulsora da iniciativa.

 

Na reunión de hoxe, os representantes de Augas de Galicia, trasladáronlle aos participantes os traballos correspondentes á primeira fase de análise e diagnóstico da situación actual, que servirá de base para a elaboración das directrices de saneamento de Galicia, traballos aos que a Xunta destina un investimento de máis de 1,5 M€.

 

A Xunta ten como obxectivo promover unha participación activa en cada fase de desenvolvemento dos traballos do Plan e acadar un consenso para a coordinación das actuacións e a elaboración das Directrices de Saneamento.

 

Deste xeito, esta xornada de Ourense é a terceira das que se realizarán nas catro provincias, logo de celebrarse a pasada semana na Coruña e en Pontevedra sendas xuntanzas de presentación do diagnóstico do novo Plan de saneamento.

 

Dentro desta 1ª fase de elaboración do Plan, Augas de Galicia distingue catro etapas, que inclúen o establecemento de sistemas indicadores; campaña de toma de datos; análise da información, cálculo de indicadores e realización de diagnóstico; e, finalmente, a elaboración das directrices.

 

Na actualidade, a entidade hidráulica da Xunta está finalizando a fase de realización do diagnóstico, polo que no encontro de hoxe compártese cos axentes directamente interesados o traballo realizado, co obxectivo de validalo e completalo.

 

O novo Plan Galego de Saneamento

Nos últimos anos a Xunta ten desenvolvido instrumentos xurídicos tan importantes como a Lei de garantía do abastecemento o a recente Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. Como parte desta estratexia para abordar con garantías de futuro a xestión da auga tamén se están desenvolvendo importantes mecanismos de planificación, como forma de anticipar posibles solucións a problemas futuros. Entre eles, destaca a elaboración do novo Plan de saneamento de Galicia.

 

O novo Plan propón un ambicioso programa de traballo, estruturado nas seguintes liñas: garantir o saneamento adecuado para todas as aglomeracións urbanas maiores de 1.000 habitantes; realizar unha xestión adecuada das augas pluviais na planificación do saneamento; e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos como son os do medio rural galego.

 

De xeito transversal, a estas tres grandes liñas de traballo estratéxicas, incorpóranse outras dúas: a mellora da gobernanza na prestación do servizo público de saneamento e depuración e o fomento da educación, divulgación e participación pública.

 

Coa actualización deste plan búscase a súa adaptación aos novos retos da Xunta nestas materias, incluíndo novos obxectivos e unha visión máis moderna e global dos problemas do saneamento e depuración en Galicia. O plan irá máis alá da porcentaxe de poboación conectada a redes de saneamento e sistemas de depuración, para incluír aspectos determinantes como a sostenibilidade da prestación do servizo público, a relación co medio natural e os ecosistemas fluviais ou a eficacia e eficiencia dos sistemas de saneamento e depuración actuais.

 

O desenvolvemento do conxunto dos traballos, iniciados o pasado ano, realizarase ao longo de tres anos, diferenciándose esta primeira etapa de análise da situación actual, que culminará coa elaboración dunhas directrices metodolóxicas e técnicas; e unha segunda etapa, posterior, de elaboración e redacción do Plan de saneamento de Galicia.

 

Cómpre lembrar que o vixente Plan galego de saneamento foi o impulsor do salto tan significativo que Galicia ten dado en materia de depuración e de calidade das augas nos últimos anos, contribuíndo notablemente á extensión do servizo público de saneamento aos principais núcleos de poboación e á construción das principais estacións depuradoras da comunidade autónoma.

 

Desde 2009 o Goberno galego leva achegado 1.100 millóns de euros á execución de máis de 300 actuacións en materia de abastecemento en 165 concellos e máis de 350 obras de saneamento en beneficio de 186 concellos, apoiando ás administracións locais no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento, saneamento e depuración, tal e como se establece na normativa básica en materia de réxime local.

Imaxes relacionadas