A Xunta agradece aos galegos en Lleida a súa implicación a prol da galeguidade e defende no seu centro a actualidade e o futuro de Galicia como terra de oportunidades


A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns puxo en valor o apoio do Goberno galego ao retorno dos galegos no exterior e tamén ás actividades dos centros galegos noutras comunidades e noutros países
 

Lleida, 28 de novembro de 2022 A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, visitou hoxe o Centro Galego de Lleida, unha das entidades de referencia da Unión de Asociacións Galegas de Cataluña, unha agrupación de centros que suma máis de 700 socios, dos que máis de 500 son galegos.  

Nunha conferencia titulada Os galegos no exterior impartida no centro repasou os principais fitos e avances en Galicia nos últimos anos, mesmos en tempos de dificultades económicas. O acto contou coa presenza de boa parte das socias e dos socios da entidade, a súa presidenta Dolores Blanco Roo e responsables da entidade e autoridades locais no marco das xornadas culturais Intercentros, organizadas pola Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida.


Así, debullou os avances en sectores económicos punteiros na comunidade e nos sistemas sanitario e educativo, ademais das medidas para atender ás persoas máis vulnerables, favorecer a conciliación laboral e familiar e servizos para terceira idade. Tamén puxo en valor as ferramentas para acadar unha Galicia máis verde e sustentable e mellor vertebrada con máis vías e conexións de transporte público.
 

Estes avances de Galicia –destacou- nestes últimos tempos, serían imposibles “sen a achega e o sacrificio das e dos residentes fóra de Galicia”. Nesta liña, as políticas practicadas para o retorno dos galegos no exterior e dos seus descendentes permitiu o regreso do exterior de 28.000 persoas nos últimos cinco anos.  

Blanca García-Señoráns reiterou o respaldo do Goberno galego á traxectoria de unidade que fortalece ás diferentes asociacións e centros galegos en Cataluña desde hai anos, xa que estas entidades dan voz ás tradicións e á cultura de Galicia nesta comunidade e fomentan a participación na súa vida social. Así, a Xunta colaborou este ano coas 8 entidades galegas en Cataluña, tanto en axudas para equipamento, infraestruturas e para gastos correntes de funcionamento e actividades culturais. A través destas 2 liñas de subvencións, o Goberno galego apoiou 66 centros de toda España e outras 150 entidades espalladas por todo o mundo.

Centro Galego de Lleida

O Centro Galego de Lleida foi fundado en 1977 co obxectivo de difundir a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegos entre os seus socios, descendentes e público en xeral. Ademais, forma parte da Unión de Asociacións Galegas de Cataluña (UAGALCAT) e da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida e consolidou a súa presenza social e cultural na localidade.

Entre as actividades culturais, recreativas, gastronómicas e turísticas implícase á mocidade, de maneira que se garante a ligazón das xeracións xa nadas na diáspora coa terra de orixe dos seus proxenitores e se invita tamén a participar aos residentes da localidade. Tamén conta cun restaurante con produtos e pratos típicos da gastronomía galega e a través da coral Cengallei transmiten a riqueza do folclore galego.

Imaxes relacionadas