O conselleiro Educación, Román Rodríguez, visita o IES

A Xunta inviste 1,1 M€ para ampliar a oferta educativa e mellorar as instalacións do instituto de Mos

O conselleiro anuncia a inminente licitación da ampliación deste centro por 750.000 euros que permitirá acoller novos ciclos de FP Básica

Recorda que a este investimento se suma o realizado polo Goberno autonómico hai dous anos por máis de 400.000 euros para mellorar a cuberta

Enmarca estas actuacións “na atención do Goberno galego ás zonas con maior crecemento de poboación e, polo tanto, con máis necesidades de escolarización”
 

Mos (Pontevedra), 28 de novembro de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde o instituto da localidade de Mos, “un centro que a Xunta de Galicia vai ampliar para dar un mellor servizo á comunidade educativa”, anunciou o conselleiro.

 

A actuación, que conta cun orzamento de máis de 750.000€, ten como obxectivo crear máis aulas e permitirá acoller novos ciclos de FP Básica. Con esta actuación, o Goberno autonómico eleva a 1,1M€ o investimento no instituto de Mos, onde en 2020 xa se realizaron traballos de mellora da cuberta, indicou.

 

En canto a inminente licitación da ampliación do instituto explicou que as novas clases situaranse no primeiro andar do edificio, que concentrará a maior parte da obra. Serán en total catro novos espazos, todos eles cunha superficie maior de 60 m2 e con iluminación exterior. Ademais, neste mesmo andar crearase unha zona de estudo comunicada coa biblioteca a través dunhas novas escaleiras cara ao piso inferior.

 

Xa na planta baixa a intervención centrarase na ampliación da biblioteca cara a zona do acceso principal do edifico, ademais de crear a devandita escaleira que permitirá subir á zona de estudo da planta primeira.

 

Máis de 2,5M€ no concello

O conselleiro enmarcou esta ampliación “na atención que dá o Goberno galego ás zonas con maior crecemento de poboación e, polo tanto, con máis necesidades de escolarización”. “De feito –sinalou– este investimento súmase aos máis de 2,5M que a Xunta ten investido nos últimos anos nos centros educativos deste concello de Mos”.

 

A actuación forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta pioneira coa que Galicia se adianta no deseño das escolas poscovid, adaptando os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. A través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos, cun orzamento total de 191M€.

 

O obxectivo final é acadar centros más amplos, mellor dotados desde o punto de vista tecnolóxico, máis cómodos para alumnado e profesorado, máis respectuosos co medio ambiente e capaces de aforrar consumo enerxético.

Imaxes relacionadas