A Xunta de Galicia avanza que os Orzamentos de 2023 prevén a creación de máis de 60 novas prazas de enfermería na atención primaria

O conselleiro de Sanidade agradece ao colectivo de enfermería o seu papel na campaña de vacinación da gripe e, especialmente, na citación de nenos e nenas desta fin de semana


O titular da carteira sanitaria puxo tamén en valor o labor das ambulancias de Soporte Vital Avanzado de Enfermería, que nos últimos anos amosaron unha capacidade resolutiva do 96%


Comesaña presidiu o acto en recoñecemento á enfermeira Elvira López Mourín, quen “abriu o camiño para a profesión de enfermería, pero, sobre todo, para as mulleres da súa época”
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2023 prevén a creación de máis de 60 novas prazas de enfermería na atención primaria. Así o destacou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego no acto da Academia de Enfermería de Galicia en recoñecemento a Elvira López Mourín. Este evento contou, así mesmo, coa asistencia do presidente da Academia de Enfermería de Galicia, Isidoro Rodríguez Pérez, e a presidenta do Colexio de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello López.

Respecto da enfermeira hoxe homenaxeada, Comesaña dixo que Elvira López representa unha figura clave, “unha muller que foi rompendo todas as barreiras que se lle presentaron e conquistando o terreo para avanzar na igualdade entre homes e mulleres”. Foi unha pioneira en moitos ámbitos, e conseguiu entrar na Escola da Cruz Vermella Española, acadando o fito de pertencer á primeira promoción de enfermeiras profesionais en 1921, ademais de ser a primeira enfermeira en participar nun vo militar en España. Elvira, -remarcou o conselleiro-, rompeu barreiras e “abriu o camiño para a profesión de enfermería pero, sobre todo, para as mulleres da súa época”. 

Nesta homenaxe a Elvira López, o conselleiro agradeceu ao persoal de enfermería o seu traballo, que permitiu levar a cabo fitos como as exemplares campañas de vacinación en toda Galicia, tanto as de vacinación fronte á covid como a anual contra a gripe, e, especialmente, pola participación no programa especial de vacinación que a Xunta puxo en marcha esta fin de semana para acelerar a inmunización dos máis pequenos cunha vacina que, por primeiro ano, inclúese no calendario galego.

Comesaña tamén remarcou o labor das ambulancias asistenciais de Soporte Vital Avanzado de Enfermería, postas en marcha polo 061 no 2019, que, nos dous últimos anos, amosaron unha capacidade resolutiva total nun 96% das súas actuacións, e só foi nun 4% dos casos necesario recorrer a mobilizar outros recursos medicalizados.

Liñas de actuación

Dende a Xunta de Galicia, -incidiu Comesaña-, “cremos que a enfermería ten que xogar un papel clave na mellora e perfeccionamento do Sergas”. Por iso, dende o Goberno galego “estamos a actuar en dúas liñas, por unha banda, máis profesionais de enfermería e, por outra, potenciar as súas capacidades”.

Polo que atinxe ao primeiro eixo, “estamos a reforzar os cadros de persoal de enfermería, especialmente no ámbito de primaria, onde son parte esencial do equipo”. Así, a través do Plan de Atención Primaria, a Xunta creou 130 novas prazas de enfermería e este mesmo ano outras 81 novas prazas, que xunto as 60 previstas nos orzamentos deste ano, “supoñen máis de 270 prazas de enfermería creadas nun prazo de cinco anos”.

Ademais, no ámbito de enfermería especialista en saúde mental, a Xunta ten previstas a través do Plan Galego de Saúde Mental, -dixo o conselleiro-, “a creación de máis de 60 novas prazas, das cales xa están cubertas 30”.

No que se refire á ampliación das capacidades de enfermería, Comesaña sinalou que o seu departamento está a traballar de xeito especialmente intenso no ámbito de primaria e un primeiro exemplo foi atribuír á enfermería deste nivel asistencial o seguimento dos pacientes con tratamentos anticoagulantes orais. Grazas a esta medida, “resolvéronse máis de 100.000 consultas deste tipo”. Tamén o Programa XIDE, de Xestión da Demanda en Equipo, implantado en máis de 178 centros de saúde, permitiu que a enfermería poida atender directamente ao paciente. “Por iso dende a Xunta de Galicia temos previsto avanzar neste camiño”.

Na súa intervención, o conselleiro remarcou que o Executivo galego “tomou todas as medidas para darlle máis protagonismo á enfermería e claramente este colectivo sempre responde”.