A Xunta financiará con 72.000 euros actuacións de modernizacion nos Multicines Odeón de Narón e nos Dúplex de Ferrol

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, deu conta da resolución destas axudas durante unha visita ás instalacións situadas no centro comercial naronés
 

Esta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está dotada con 500.000 euros cos que se cofinanciarán o 80% do custe dos proxectos de 16 salas de cinema de toda Galicia

Narón (A Coruña), 28 de novembro de 2022 A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta esta mañá da resolución das axudas para a modernización de espazos de exhibición cinematográfica durante unha visita aos Multicines Odeón, en Narón. En total, por medio desta convocatoria a Xunta financia en Ferrolterra actuacións por valor de 72.000 euros.

 

No caso de Multines Odeón, a empresa Atlántico Multicines SL recibiu unha achega autonómica de 48.000 euros -a contía máxima- para un proxecto de dixitalización de sala láser. O investimento divídese en dúas anualidades de 24.000 euros para 2022 e 2023.

 

Tal e como explicaron os responsables dos cines, Juan García e Constantino Sambade, durante a visita, a axuda autonómica irá destinada á adquisición dun Cinity Cinema System, un programa de xestión dun proxector láser de última xeración que suporá un importante salto cualitativo nas proxeccións dos filmes e una mellora da eficiencia enerxética.

 

Os Multicines Odeón, con 20 anos de antigüidade, posúen unha superficie de 5.000 metros cadrados nas instalacións comerciais que levan o mesmo nome, distribuídos en 12 salas e 2.643 butacas.

 

Pola súa banda, o cine Dúplex de Ferrol percibiu unha axuda de 24.000 euros -12.000 euros para a presente anualidade e outros 12.000 para 2023- para proxectos de dixitalización e adaptación da infraestrutura ao desenvolvemento sostible.

 

A convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está dotada con 500.000 euros cos que se cofinanciará ata o 80% dos proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, captación e fidelización de públicos, e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual de 16 salas de cinema de toda Galicia, que suman 86 pantallas e unha capacidade próxima ás 16.500 butacas.

 

Con esta nova adxudicación, a Xunta reforza o seu investimento no ámbito da exhibición cinematográfica respecto a 2021, ano no que 18 cinemas de 13 localidades foron destinatarios dunha convocatoria dotada con 350.000 euros para contribuír á súa viabilidade. Recoñecíase así o papel fundamental destes establecementos para o conxunto do sector audiovisual, nun momento no que a crise sanitaria supuxo unha forte diminución dos seus ingresos directos, non só polas restricións aplicadas, senón tamén polos cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais.

 

Preto de 4,4 M€ en infraestruturas e equipamentos

Ademais, a convocatoria de 2022, xestionada ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, entronca nos seus obxectivos con outras tres canles de axudas xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais de Galicia cun investimento conxunto de preto de 4,4 millóns de euros.

 
Neste sentido, os 500.000 euros adxudicados ás salas de cinema veñen sumarse aos máis de 2 millóns de euros da liña destinada a espazos de exhibición escénica e musical, tamén no marco dos Fondos Next Generation. O pasado mes de maio resolveuse a súa primeira quenda coa concesión de 1,2 millóns de euros a 46 teatros, auditorios e salas de toda Galicia, mentres que o pasado 4 de novembro se publicou a segunda convocatoria cunha nova achega de 880.000 euros. Ao tempo, atópanse en tramitación as axudas para a adquisición de equipamento por parte de empresas privadas e de persoas autónomas do sector cultural galego, dotadas con 1,3 millóns de euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

Imaxes relacionadas