A Xunta pon en valor o traballo da Fundación Andrea en apoio ás familias con nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na gala anual da entidade, na que se entregaron catro “variñas máxicas” a persoas que colaboran coa organización
 

Diego Calvo destacou o espírito solidario que a fundación mantén durante todo o ano para prestar os servizos que precisan as familias con rapaces e rapazas hospitalizados ou co proxecto de humanización de espazos nos hospitais galegos

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde no Pazo de San Lourenzo na XVI Gala solidaria anual da Fundación Andrea, que ten como obxectivo recadar fondos para as iniciativas que desenvolve esta entidade, centrada no apoio ás nenas e nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais e ás súas familias.

 

Pese a que o evento coincide ás portas do Nadal, Diego Calvo puxo en valor o espírito solidario que a fundación mantén vivo ao longo de todo ano para os seus usuarios facilitándolles ás familias con escasos recursos económicos a atención e o apoio económico, moral e informativo que precisan.

 

Deste xeito, ofrecen aloxamento nas súas tres casiñas para os familiares de nenos e nenas hospitalizadas e cobren, a través de becas, gastos de manutención ou desprazamento. Ademais, proporcionan axudas coas que sufragar sesións de fisioterapia, musicoterapia, hidroterapia, logopedia, equipamentos ortopédicos, medicación e psicoterapia e atención psicolóxica ás familias.

 

Diego Calvo incidiu tamén no importante traballo que a organización realiza co obxectivo de facer máis agradable a estancia da cativada ingresada e ás súas familias nos hospitais galegos, grazas ao seu proxecto de dulcificación de espazos de uso pediátrico hospitalario.

 
O vicepresidente segundo agradeceu á Fundación Andrea a súa implicación, así como ás catro persoas homenaxeadas este ano pola súa colaboración coa entidade. Tamén lembrou o apoio da Xunta en accións da entidade para que poidan continuar coa súa actividade, no marco do compromiso do Goberno galego coas familias e por avanzar nunha Galicia solidaria.