O Programa galego de cribado neonatal incluirá a atrofia medular espiñal a partir do 2023

A Xunta incide na visibilización das enfermidades neuromusculares, no marco das IV Xornadas Galegas da ASEM

A Estratexia Galega en Enfermidades Raras contempla tres unidades funcionais multidisciplinares, en marcha desde principios de ano na Coruña, Santiago e Vigo
 

Vigo, 26 de novembro de 2022.-

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, clausurou hoxe, no Hospital Álvaro Cunqueiro, as IV Xornadas ASEM Galicia nas que se abordou o presente e futuro nas enfermidades neuromusculares. Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que a Xunta incorpora novas patoloxías ao Plan galego de cribado neonatal, para o 2023, entre elas, a Atrofia Medular Espiñal.

Segundo sinalou o conselleiro, “o sistema sanitario debe atender a estes pacientes dun xeito multidisciplinar” e nos últimos anos avanzouse en diversos procedementos en relación ás enfermidades neurodexenerativas, entre eles o Proceso Asistencial Integrado de esclerose lateral amiotrófica e o PAI de esclerose múltiple.

As dificultades na atención temperá e na xestión integral das enfermidades raras requiren, -proseguiu Comesaña-, “agrupar o coñecemento para facer posible a abordaxe de ditas patoloxías baixo unha dimensión integral, concentrando os casos para unha atención axeitada”. Por este motivo, incluíuse, dentro do desenvolvemento da Estratexia Sergas 2020, o Plan Autonómico de Enfermidades Raras, dirixido ao desenvolvemento coordinado e interdisciplinario da estratexia de abordaxe das enfermidades raras do Sistema Nacional de Saúde en Galicia.

Neste contexto, -sinalou o responsable do Sergas-, elaborouse a Estratexia Galega en Enfermidades Raras, que define as pautas de traballo para realizar a súa abordaxe integral co obxectivo de establecer un novo modelo asistencial. “Un modelo optimizado e baseado en criterios homoxéneos para garantir un prazo de diagnóstico máis reducido, cunha menor variabilidade no manexo do paciente e unha xestión máis áxil, coordinada e eficiente”.

A Estratexia contemplou, ademais, a creación de tres novas unidades funcionais multidisciplinares situadas na Coruña, Santiago e Vigo. Puxéronse en marcha a comezos deste ano e están xa prestando asistencia especializada a estes pacientes.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro deu ás grazas á Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares “por visibilizar estas doenzas e concienciar á sociedade e ás institucións das necesidades específicas das persoas que as padecen”.