A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na clausura da Asemblea Xeral da Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar

A Xunta demanda ao Goberno de España que aposte polo equilibrio territorial e manteña en 2023 os descontos nos billetes de autobús, ao igual que fará co ferrocarril

Vázquez Mourelle subliña que Galicia precisa servizos de tren competitivos, pero só a combinación co autobús poderá garantir a mobilidade dos galegos, vivan onde vivan

Destaca que a Xunta activou o 1 de setembro un desconto do 50% no prezo dos billetes de autobús, aumentando un 23% o número de viaxeiros a data de 31 de outubro

Avanza que a Xunta seguirá o vindeiro ano coas axudas para paliar o prezo dos carburantes no sector, cunha partida de 3,5 M€, ao igual que no presente exercicio, como así recollen as contas autonómicas

Salienta que os Orzamentos da Xunta para 2023 destinan máis de 90 M€ ao transporte público, financiando o 76% do seu custo para os usuarios, que só deben achegar 24% e o 0% no caso dos menores de 21

Pon en valor a tarxeta Xente Nova da Xunta, coa que 130.000 mozos menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses interurbanos por toda Galicia, contribuíndo á economía das familias
 

Lugo, 26 de novembro de 2022.-

A Xunta demanda ao Goberno de España que aposte polo equilibrio territorial e manteña en 2023 os descontos nos billetes de autobús, ao igual que fará co ferrocarril.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na clausura da Asemblea Xeral da Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar.

 

Vázquez Mourelle subliñou que o ferrocarril é un medio de transporte esencial para Galicia, que precisa servizos competitivos e de calidade, pero só mediante a combinación co autobús se poderá garantir o dereito á mobilidade dos galegos, vivan onde vivan.

 

Neste sentido, explicou que incentivar con descontos e bonos gratis o uso do ferrocarril esquecendo os autobuses é afondar nun desequilibrio territorial no que Galicia adoita saír perdendo.

 

Reiterou o agradecemento da Xunta ao sector do autobús, que fixo posible manter os servizos públicos ao servizo da cidadanía, a pesar da prolongada caída de viaxeiros por mor da pandemia.

 

Lembrou que o Goberno galego destinou 28 M€ a garantir a viabilidade das concesións de transporte fronte á crise de viaxeiros causada pola covid, ou 3,5 M€ a compensar o incremento de gastos derivado do aumento do custo dos combustibles. Unha axuda cunha partida de 3,5 M€ para paliar o prezo dos carburantes no sector que, avanzou, continuará o vindeiro ano, como así recollen as contas da Xunta.

 

A Xunta tamén implantou desde o pasado 1 de setembro un desconto do 50% no prezo dos billetes de autobús interurbano, polo que aínda non recibiu nin un euro do Goberno de España. Neste caso, Ethel Vázquez concretou que entre o 1 de setembro e o 31 de outubro os autobuses da Xunta rexistraron 5,9 millóns de viaxeiros, o que representa un 23% máis que os 4,8 millóns de viaxeiros do ano anterior.

Manifestou que o Executivo autonómico continúa apostando con determinación polo transporte público, por iso os Orzamentos para 2023 prevén máis de 90 M€ nesta materia, financiando o 76% do custo do billete aos usuarios, que só deben achegar 24%, e o 0% no caso dos menores de 21.

Recordou que a Xunta, consciente da importancia do transporte de viaxeiros por estrada en Galicia, renovou todas as concesións de autobús interurbano, poñendo á disposición dos galegos máis de 3.500 liñas de autobús que multiplicaron a cobertura.

 

Destacou que con esta renovación se conseguiu levar o autobús onde antes non chegaba, como no caso da provincia de Lugo, onde a cifra de liñas se multiplicou por seis.

 

Puxo en valor iniciativas do Goberno galego como a tarxeta Xente Nova, coa que 130.000 mozos menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses por toda Galicia.

 

Salientou que esta medida permite incorporar á mocidade á mobilidade sostible, contribuír a superar as barreiras entre a Galicia rural e urbana e axudar ás familias no ámbito económico.

Imaxes relacionadas