O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantiveron un encontro con representantes de Unicef en España e Galicia

Galicia fomentará a participación infantil a través dun Consello autonómico da Infancia e a Adolescencia

Rueda destaca que os orzamentos de cara o vindeiro ano destinarán 230 millóns de euros á área de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, un 36% máis que este ano

A Xunta impulsa medidas específicas para as familias con nenos como a gratuidade das escolas infantís, a Tarxeta Benvida ou un proxecto piloto para loitar contra a pobreza infantil
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo esta semana unha reunión co presidente de Unicef España, Gustavo Suárez Pertierra, e a presidenta de Unicef Galicia, Myriam Garabito Cociña, onde sinalou que Galicia fomentará a participación infantil a través dun Consello autonómico da Infancia e a Adolescencia. Rueda subliñou o compromiso do Goberno autonómico con este ámbito, ao que se destinarán no próximo exercicio 230 millóns de euros, un 36% máis que este ano.

 

Neste sentido, o presidente do Goberno galego apuntou o importante labor de entidades como Unicef para garantir a educación, a protección e o acceso á sanidade dos menores por todo o mundo. A Xunta colabora desde hai anos con esta entidade a través de financiación a programas como ‘Cidades Amigas da Infancia’ -para promover a aplicación da Convención sobre os dereitos dos nenos no eido municipal- ou axudas concretas para proxectos en Ucraína a raíz da guerra; a reconstrución de escolas en Cuba tras o furacán Irma ou para levar a cabo iniciativas de acción humanitaria en Nepal, Camerún, Bolivia ou Níxer.

 

Durante o encontro tamén se abordaron aquelas medidas que a Xunta pon á disposición das familias para axudar aos fogares con nenos  como a gratuidade de todas as escolas infantís -o que permite un aforro de entre 1.500 e 2.000 euros ao ano a cada familia-, a Tarxeta Benvida -que ofrece entre 1.200 e 2.400 euros en axudas a aquelas persoas que acaban de ter un fillo- ou un proxecto piloto para loitar contra a pobreza infantil que se vai levar a cabo en barrios desfavorecidos e algúns concellos do rural en Lugo e Ourense e que contará con medidas como clases de reforzo escolar; asesoramento para mellorar a inserción laboral ou iniciativas para reducir a fenda dixital entre as familias con máis dificultades socioeconómicas.

 

Imaxes relacionadas