A Xunta concede máis de 430.000 € en axudas a entidades locais e asociacións protectoras para o coidado e atención dos animais domésticos abandonados

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia concedeu máis de 430.000 euros en axudas a entidades locais e asociacións protectoras de animais para apoialas no coidado, atención e manutención dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo.

 

Deste xeito, o Goberno galego outorgou subvencións por un importe total de 230.000 euros a máis de 30 entidades municipais para colaborar no financiamento, entre outros, dos gastos relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), a compra de alimento e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas, dos animais de compañía ao seu cargo

 

En canto ás axudas para apoiar ás protectoras, a Xunta concedeu máis de 200.000 euros a unha vintena de entidades -inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía-, que poden ser destinados, ademais de ás cuestións anteriores, á compra de material non funxible.

 

O obxectivo é dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para o desenvolvemento do seu labor, entre os que se inclúe, como novidade, a adquisición de remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico e dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro ou equipamento veterinario.

 

Para a Xunta, a protección dos animais de compañía é unha prioridade, polo que desde 2017 leva mobilizado un orzamento global de máis de 1,5 M€, mantén campañas de sensibilización sobre a tenencia responsable de mascotas para evitar o abandono e impulsou a Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, que pretende combater o maltrato en calquera das súas formas e promover o abandono cero na Comunidade, a través do fomento das adopcións e da concienciación social sobre a tenza responsable de animais domésticos.

Imaxes relacionadas