A Xunta participa na presentación dos proxectos finalistas da segunda edición da Aceleradora Galega de Turismo

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou na presentación dos proxectos finalistas ante os inversores

Turislab, ten como obxectivo crear un ecosistema aberto e unha rede de recursos para proxectos innovadores, así como de alto impacto na sociedade, que estean especializados no Turismo sostible e de calidade

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou hoxe xunto a David Villar, director da Aceleradora, no  Investors Day, o día que os finalistas desta iniciativa expoñen os seus traballos ante os posibles inversores.

 

Durante a súa intervención, Antonio Casas expuxo que grazas a iniciativas pioneiras como esta Aceleradora Galega de Turismo, a nosa Comunidade reforza o seu ecosistema, facéndoo máis forte, máis completo e máis competitivo.

 

“A transversalidade das súas cualidades, a aplicación de solución innovadoras ao sector, a procura de facer de Galicia un destino máis atractivo e o valor diferencial que aportan nas distintas categorías nas que participan, son aspectos que definen todos estes proxectos, que estou seguro que serán futuros casos de éxito”, finalizou o xerente de Turismo de Galicia.

 

A Aceleradora galega de Turismo, Turislab, ten como obxectivo crear un ecosistema aberto e unha rede de recursos para proxectos innovadores, así como de alto impacto na sociedade, que estean especializados no turismo sostible e de calidade.