O presidente da Xunta interveu na celebración dun encontro coa colectividade galega e catalá organizado polo Grupo Hotusa

Rueda valora a pegada cordial dos galegos en Cataluña e a súa contribución á Galicia atractiva do turismo, do retorno e da captación de investimentos

Subliña os lazos familiares, culturais e económicos que unen a Galicia con Cataluña e subliña que as identidades suman e que “non é necesario renunciar a ningunha nin ter que confrontalas”

Pon en valor a Galicia de hoxe en día, “atractiva” para xerar riqueza e emprego e disposta a recibir tanto “aos que fan a viaxe de volta” como aos que visitan a Comunidade por primeira vez atraídos polo motor do Xacobeo
 

Barcelona, 25 de novembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou a pegada cordial dos galegos en Cataluña e a súa contribución á Galicia atractiva do turismo, do retorno e da captación de investimentos. O titular do Goberno galego subliñou os lazos familiares, culturais e económicos que unen a galegos e cataláns na súa intervención na celebración dun encontro coa colectividade galega e catalá organizado polo Grupo Hotusa en Barcelona.

 

Alfonso Rueda repasou as ligazóns entre as dúas Comunidades históricas, sobre todo nas últimas décadas pola contribución dos galegos ao progreso de Cataluña e pola implantación de empresarios cataláns en Galicia, sobre todo nos sectores da conserva e do naval. O presidente do Goberno galego botou man da memoria para recordar os tempos da Barcelona dos Xogos Olímpicos do 92 que deron paso á creación do Xacobeo moderno no 93. “Cando Cobi deixou de colarse nas casas de todo o mundo, Pelegrín comezou a abrir a nosa casa galega ao planeta”, lembrou.

 

Segundo o presidente Rueda, “a estabilidade, a unidade e a responsabilidade” explican a Galicia de hoxe, convertida nunha Comunidade “atractiva” para xerar riqueza e emprego, unha Galicia que “inviste” nos sectores produtivos, que “controla” a débeda e que “protexe” a quen máis o necesita.

 

O mandatario galego asegurou que a “galeguidade non está en ningún lugar porque está en todos”, e asegurou que esa identidade non é incompatible con outras, porque suman e porque “non é necesario renunciar a ningunha nin ter que confrontalas”.

 

Alfonso Rueda agradeceu ao presidente do Grupo Hotusa, Amancio López Seijas -un galego que triunfou como empresario en Cataluña e fóra das fronteiras peninsulares-, a organización do evento celebrado en Barcelona e manifestouse “satisfeito” por visitar por primeira vez Cataluña como presidente da Xunta e por facelo antes de que remate o Xacobeo, ocasión que aproveitou para recoñecer a todos os cataláns que xa percorreron o Camiño a súa aposta pola Comunidade e para invitar a camiñar a Galicia aos que aínda non o fixeron.

Imaxes relacionadas