Galicia censura a configuración da Mesa Estatal da Ciencia Pesqueira polo escaso peso das comunidades e a ausencia de centros punteiros de investigación

A conselleira do Mar remitiu unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación pedindo que medie ante o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática e se revise a constitución, composición e funcionamento da mesa para que sexa unha verdadeira aliada do sector pesqueiro

A comunidade bota en falta a presenza de organismos investigadores como o Centro Tecnolóxico do Mar ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, ao tempo que lamenta actuacións que apuntan a certa improvisación do Goberno central

A titular de Mar considera insuficiente que este foro se reúna unha vez ao ano cando estamos ante unha realidade cambiante e é precisa unha maior periodicidade para abordar os retos do sector nos que é necesaria a participación da ciencia

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, remitiu hoxe unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para trasladarlle o seu descontento co procedemento de conformación da Mesa da Ciencia Pesqueira impulsada polo Goberno central. Galicia considera que concede un peso moi escaso ás comunidades autónomas e non inclúe organismos clave na investigación mariña como o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

A representante da Xunta pide ao ministro no seu escrito que medie ante o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática para a revisión da constitución, composición e funcionamento da mesa co obxectivo de que sexa unha verdadeira aliada para a pesca e acuicultura no mantemento do seu peso socioeconómico.

A titular de Mar lembra que Galicia é a principal potencia pesqueira e acuícola nacional e que a prioridade da comunidade é que o seu sector marítimo-pesqueiro e os seus centros e persoal investigador reciban o respecto merecido polos seus anos de traballo e compromiso a prol do mar de Galicia e España. Neste sentido, lamenta decisións que semellan partir da improvisación como que algún alto cargo da Consellería do Mar fose convidado ao acto de constitución da mesa días antes de que a súa conformación fose publicada -onte- no Boletín Oficial do Estado.

Cuestións deste tipo, incide Rosa Quintana, deben levar a unha fonda reflexión sobre a elección dos integrantes ao tempo que considera fundamental contar co respaldo de organizacións científicas consolidadas como aval para afondar na adopción das mellores decisións posibles ante materias de amplo calado no sector e que poden ter un gran impacto nas distintas frotas.

Ausencias destacadas

A representante do Executivo galego tamén lle traslada ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación que é difícil de entender que se dea participación directa na mesa a fundacións nas que a Administración Xeral do Estado carece de representación e, pola contra, non se inclúa a outras como o Cetmar, no que tanto o Ministerio como o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) teñen representación a través do seu padroado.

Galicia ve outras ausencias relevantes nesa mesa como a do Intecmar, designado laboratorio nacional de referencia para biotoxinas mariñas pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) e con máis de 25 anos de experiencia na análise de distintos factores que inflúen no medio e nos recursos mariños.

A conselleira do Mar advirte ademais de que semella insuficiente que a mesa da ciencia pesqueira -creada para abordar os asuntos de maior interese para o sector- se reúna unicamente unha vez ao ano cando estamos ante unha realidade cambiante e é precisa unha maior periodicidade para avaliar os retos do sector nos que é necesaria a participación da ciencia mariña na busca dunha solución.

A Xunta considera que a precipitación e os bandazos dados coa creación deste foro son unha mostra de que se trata dunha mera improvisación ante as críticas á disparatada distribución de sedes do IEO, que se fixo de forma arbitraria sen ter en conta a Galicia e sen ningún tipo de base técnica nin científica.

A comunidade lembra que sempre ofreceu a súa colaboración e lealdade institucional a prol de impulsar a investigación científica no eido mariño, pero subliña que na constitución da Mesa da Ciencia Pesqueira hai numerosas contradicións. Entre elas que, ao contrario do que anunciara o Goberno central no seu momento non vai ter sede permanente en Vigo nin os ministros de Ciencia e Pesca van asumir a Presidencia, cargo que pasa a corresponder aos secretarios xerais de Investigación e Pesca.

Galicia demanda rigorosidade na aposta pola investigación pesqueira e por poñer en marcha foros e entidades que aglutinen aos principais actores do sector investigador e pesqueiro de España. Neste sentido, lembra a constitución en setembro deste ano da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, unha iniciativa pioneira na comunidade galega e creada pola Xunta para incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados con este eido e coa finalidade de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.