A Xunta avanza co Goberno central na implantación dos rexistros civís exclusivos

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, na que se acordaron tamén as especificidades do equipamento técnico das salas de vistas dixitais dos xulgados
 

Prevese que os rexistros civís exclusivos da Coruña e Vigo entren en funcionamento a comezos de 2023 e que tamén ao longo do próximo ano queden implantados nas demais cidades e en Marín para culminar o proceso en 2025
 

A Xunta solicita abordar cos letrados de Administración de Xustiza e os xefes funcionais das oficinas xudiciais o novo modelo para estes órganos

Pamplona, 25 de novembro de 2022 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni participou hoxe en Pamplona nunha reunión da conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas na que, entre outros asuntos, se abordaron cuestións como o novo modelo organizativo do Rexistro Civil, así como a dixitalización das salas de vistas ou o desenvolvemento procesual na lei concursal.

 

Canto aos rexistros civís xa implantados en Madrid e Barcelona, poranse en marcha a comezos do próximo ano os rexistros civís exclusivos da Coruña e Vigo, aos que seguirán os de Santiago de Compostela, Ourense, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Marín, tamén ao longo de 2023. O proceso continuará no resto de rexistros civís da comunidade coa previsión de que estea rematado en 2025.

 

No que se refire o novo modelo de oficinas xudiciais, José Tronchoni lembrou a necesidade de abordar cos letrados de Administración de Xustiza e xefes funcionais o novo modelo. Ese novo sistema suporá unha transformación do sistema actual de órganos unipersonais por tribunais de instancia e tamén regula a transformación dos actuais xulgados de paz en oficinas de xustiza nos municipios.

 

Por outra banda, a necesidade de equipar as salas xudiciais galegas forma parte das prioridades da Xunta, que puxo en marcha nos últimos anos o Plan Senda I e II cun investimento total de 50 millóns de euros para a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais, xunto coa renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais. Xa está en marcha o Plan Senda 2025, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dotado con 43 millóns de euros, que continuará o próximo ano con estas medidas de dixitalización completando a instalación de salas de vistas integramente dixitais en todos os xulgados galegos.

 

Na reunión de hoxe tamén se abordou precisamente o equipamento tecnolóxico co que deben contar as salas de vistas, ámbito no que o director xeral de Xustiza propuxo que as referencias técnicas destes equipamentos tivesen como prioridade a funcionalidade. 

 
Cómpre engadir que, no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, o Goberno galego leva investidos máis de 127M€ en grandes obras xudiciais, a máis destacada a Cidade da Xustiza de Vigo. Nesta infraestrutura xudicial estanse a instalar avances tecnolóxicos en todas as salas de vistas, por exemplo a sincronización con servidores que serán compatibles co resto de comunidades, que se axustarían precisamente os parámetros pretendidos fixar na conferencia sectorial de hoxe.

Imaxes relacionadas