O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades inaugura a 15ª edición da feira Culturgal, que se celebra ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra

Román Rodríguez felicita os profesionais da cultura porque co seu traballo o sector mellora xa as cifras previas á pandemia

Salienta o bo momento dos creadores e creadoras galegos e compromete novos apoios para medrar, innovar e gañar visibilidade

O Hub Audiovisual, o Bono Cultura, os programas Territorio Cultura e Xeración Cultura, o Observatorio para a Innovación no Patrimonio Cultural ou as iniciativas lexislativas sobre cultura dixital e cultura accesible son algunhas das medidas do Goberno galego para consolidar a reactivación e impulsar o crecemento das industrias culturais

Pon Culturgal como exemplo de colaboración público-privada a prol da dinamización e proxección social neste ámbito

A presentación do Plan Integral para a Danza de Galicia e dos programas de exposicións e residencias artísticas da Cidade da Cultura, a proxección da longa ‘O corpo aberto’ e as actuacións de Baobab Teatro e Nova Galega de Danza son algunhas das actividades coas que a Xunta contribúe á programación de hoxe

Pontevedra, 25 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, amosouse optimista sobre o momento que vive o sector cultural galego que, á vista dos últimos informes de actividade e consumo cultural, está a describir unha “tendencia moi positiva” cara á súa recuperación plena. Así o expresou na inauguración da feira Culturgal, que celebra a súa 15ª edición desde onte e ata o vindeiro domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

O conselleiro referiuse aos últimos datos presentados polo Consello da Cultura Galega, que mesmo melloran os cómputos rexistrados polas nosas industrias culturais antes da pandemia. É o caso das cifras de emprego, con 35.400 persoas traballando neste ámbito en Galicia e preto de 1400 novas filiacións á Seguridade Social entre agosto de 2021 e o mesmo mes de 2022. Destaca igualmente o crecemento da confianza por parte do público e das exportacións dos produtos culturais galegos, con 43 millóns de euros máis que o ano pasado ata chegar aos 400 millóns totais, así como a recuperación na creación de empresas culturais, que superan xa o centenar.

 

“En resumo, as nosas empresas culturais souberon potenciar as súas características para manter a actividade e o interese da cidadanía”, concluíu o conselleiro, ao tempo que lles agradeceu aos seus profesionais a gran capacidade de traballo e adaptación, o seu compromiso coa cultura galega e o “inxente esforzo” destes últimos anos.

 

Neste sentido, fixo referencia ás diferentes iniciativas coas que a Xunta lles está a dar resposta ás necesidades do sector para que este sexa un punto de inflexión cara a un maior desenvolvemento e crecemento, ademais de lembrar que Galicia continúa á espera de que o Ministerio de Cultura e Deporte active o chamado PERTE cultural, para o que o Goberno galego remitiu 19 proxectos por un importe de preto de 290 millóns de euros.

 

Entre as medidas impulsadas pola Administración autonómica, mencionou en primeiro lugar o Hub Audiovisual da Industria Cultural, a través do que se está a impulsar a rodaxe en Galicia de 10 longametraxes e series cun gasto superior aos 25 millóns de euros por parte das produtoras implicadas e cun retorno económico estimado en máis de 33 millóns de euros. Cun investimento de 9,6 millóns de euros entre 2021 e 2023, inclúe asemade a próxima posta en marcha da plataforma Galicia Film Commission e outras medidas transversais ao resto dos ámbitos culturais.

 

Xunto co éxito das dúas convocatorias do Bono Cultura, das que se benefician preto de 60.000 usuarios, salientou varias das convocatorias de subvencións canalizadas a través dos fondos Next Generation EU, como as destinadas á modernización das infraestruturas culturais ou a ampliar a oferta cultural do rural galego mediante a liña Territorio Cultura.

 

Ao tempo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar na próxima entrada en funcionamento doutros moitos proxectos, entre os que destacou o programa Xeración Cultura, o Observatorio para a Innovación no Patrimonio Cultural ou as iniciativas lexislativas en relación coa cultural dixital e coa cultura accesible e inclusiva.

 

Principal entidade patrocinadora e novo expositor

Román Rodríguez felicitou á organización de Culturgal pola gran variedade de propostas que ofrece nesta 15ª edición, da que a Xunta volve ser principal entidade patrocinadora, ademais de contribuír á programación con preto dunha trintena de obradoiros, presentacións, concertos e representacións escénicas, que se desenvolverán tanto no stand institucional, que estrea novo deseño, como no resto dos espazos do evento.

 

Esta actividade arrancou onte mesmo na xornada reservada aos profesionais das artes escénicas e musicais para promover a compra-venda de espectáculos galegos en colaboración cos colectivos Escena Galega e Asociación Galega de Empresas Musicais.

 

En canto á programación da Xunta para este venres, dará comezo ás 17,00 h. coa presentación no Espazo Infantil de Xogos de mesa en galego, da man de Brazolinda como parte de TeCe Redes en galego do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22. Intégrase tamén neste repositorio a montaxe para público familiar O lobo e a lúa, que Baobab Teatro porá en escena ás 17,30 h. no Auditorio.

 

Outro dos espectáculos que se presenta hoxe en Culturgal é Credo, de Nova Galega de Danza en coprodución coa Xunta a través do Centro Coreográfico Galego. Poderá verse ás 21,00 h. no Auditorio.

 

Plan para o sector da danza

A actividade da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inclúe a presentación ao público e aos profesionais de varias das súas iniciativas. Así, o Espazo Profesional acollerá ás 18,20 h. un avance do Plan Integral para a Danza de Galicia por parte de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Pilar Portela, coordinadora do Departamento de Música e Danza; Miguel Valverde, coordinador deste proxecto, e Paula Quintas, en representación de Escena Galega. As medidas prioritarias, obxectivos, cronoloxía de aplicación e metodoloxía de traballo xunto co sector centrarán as súas intervencións arredor deste documento, que busca establecer unha folla de ruta para os vindeiros anos e funcionar como unha ferramenta actualizable, avaliable, sustentable e con vontade de desenvolvemento para potenciar a danza.

 

A continuación, ás 18,45 h. neste mesmo espazo, terá lugar un coloquio organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cos gañadores do certame Xuventude Crea nas súas disciplinas máis literarias: novela curta, poesía e banda deseñada.

 

Pola súa banda, o Espazo Arte será o escenario da presentación de dous dos programas da Cidade da Cultura de Galicia: o expositivo coas mostras Foi un home. Laxeiro en América (1950-1970), Camiños creativos e De lugares e cousas, e os proxectos das residencias REGA de apoio á creación contemporánea, das que se avanzará así mesmo a convocatoria de 2023. Será ás 18,20 h. e 19,00 h., respectivamente.

O audiovisual será tamén protagonista coa presentación e proxección da película O corpo aberto, dirixida por Ángeles Huerta e protagonizada por Tamar Novas, que chegará ás salas de cinema o vindeiro 9 de decembro. OlloVivo Producións púxose á fronte desta longametraxe de terror, a partir do relato de Xosé Luís Médez Ferrín, para a que contou cunha subvención da Xunta a través da convocatoria para producións e coproducións audiovisuais.

Imaxes relacionadas