A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo presidiu a reunión mensual da Xunta Consultiva de Urbanismo

A Xunta aclara que se poderán despregar tendidos aéreos en solo rústico para garantir os servizos de telecomunicacións á cidadanía

A lei básica estatal de telecomunicacións especifica que no caso de que non existan canalizacións subterráneas ou que non sexa posible o seu uso, os operadores poderán efectuar despregues aéreos seguindo os previamente existentes

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022.-

A Xunta aclara que se poderán despregar tendidos áreos en solo rústico para garantir os servizos de telecomunicacións á cidadanía, segundo o informe emitido pola Xunta Consultiva de Galicia, que celebrou hoxe a súa reunión mensual baixo a presidencia da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

 

Cómpre lembrar que a Lei do solo de Galicia prohibe os novos tendidos aéreos no solo de núcleo rural tradicional, aínda que se refire, en exclusiva, aos novos tendidos, deixando á marxe o reforzo do trazado adicional sobre despregues aéreos previamente existentes ao igual que as redes de nova creación que sigan o trazado de tendidos xa existentes doutras redes.

 

Ante a necesidade de facilitar a extensión das redes de telecomunicacións a todo o territorio, prestando especial atención ao medio rural e costeiro non urbano e ás áreas máis illadas para permitir velocidades de conexión a internet equiparables coas existentes ou previstas para o resto da Comunidade, a Xunta Consultiva de Urbanismo ditamina que a interpretación da Lei do solo debe aplicarse unha lectura plenamente compatible coa Lei básica estatal de telecomunicacións.

 

Así, segundo especifica esta normativa sectorial estatal, no caso de que non existan canalizacións subterráneas ou que non sexa posible o seu uso, os operadores poderán efectuar despregues aéreos seguindo os previamente existentes.

 

Neste sentido, a prohibición que figura na norma urbanística galega refírese, en exclusiva, aos novos tendidos, deixando á marxe o reforzo do trazado adicional sobre despregues aéreos previamente existentes ao igual que as redes de nova creación que sigan o trazado de tendidos xa existentes doutras redes.

 

Así mesmo, nos mesmos casos, os operadores poderán efectuar por fachadas despregue de cables e equipos que constitúan redes públicas de comunicacións electrónicas e os seus recursos asociados, se ben deberán empregar, na medida do posible, os despregues, canalizacións, instalacións e equipos previamente instalados, debendo adoptar as medidas oportunas para minimizar o impacto visual.

 

Cómpre salientar que os despregues aéreos e por fachadas non poderán realizarse en casos xustificados de edificacións do patrimonio histórico-artístico coa categoría de ben de interese cultural declarada polas administracións competentes ou que podan afectar á seguridade pública.

Imaxes relacionadas