A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe esta actuación na estrada AC-131, que comezará na primavera e ten un prazo de execución de 4 meses

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da senda entre O Peteiro e O Baño, que estará á disposición dos veciños de Mugardos no verán cun investimento de preto de 550.000 €

Construiranse case 600 metros de senda pola marxe dereita da AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño
 

Vázquez Mourelle destaca o deseño do itinerario garante a máxima integración e o respecto tanto ás propiedades como aos valores ambientais
 

Precisa que tras a análise das achegas recibidas, se axustou o trazado para mellorar a conexión cos itinerarios peonís actuais ao inicio e ao final da nova senda
 

Incide en que o novo itinerario contribuirá á mellora da seguridade e á potenciación e dunha contorna de gran valor natural e turístico: a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma
 

As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o 15 de decembro para presentar ofertas
 

Na última década a Xunta habilitou máis de 200 quilómetros de sendas peonís cun investimento de 50 M€, entre elas, a enda que une Mugardos e Ares e a que conecta Franza e Rilo, que se vén de rematar

Mugardos (A Coruña), 25 de novembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras da senda entre O Peteiro e O Baño, que estará á disposición dos veciños de Mugardos no verán, cun investimento de preto de 550.000 euros.

 

Vázquez Mourelle presentou hoxe as actuacións previstas na estrada AC-131, que teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria nesta vía autonómica, ademais de contribuír a potenciar e poñer valor unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma, subliñou.

 

A conselleira avanzou que o obxectivo é iniciar as obras a comezos de primavera, cun prazo de execución de 4 meses. Estase a avanzar xa nos actos expropiatorios dos 22 predios necesarios para esta actuación, estando previsto a vindeira semana convocar os propietarios para o levantamento de actas previas, fixada para o 15 de decembro.

 

Segundo indicou Ethel Vázquez, a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras desta nova senda entre O Peteiro e O Baño, por importe de case 535.000 euros. A este investimento súmase os 9.000 euros previstos para o pagamento das expropiacións. As empresas interesadas nos traballos teñen de prazo ata o 21 de decembro para presentar as súas ofertas.

 

A conselleira explicou que mediante esta actuación habilitaranse case 600 metros de senda pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño.

 

Concretou que a senda terá un ancho de 2,5 metros, agás nos seus primeiros metros que será máis estreita, con 1,25 metros, para salvar os peches existentes.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que o itinerario deseñouse prevendo a máxima integración e o respecto ás propiedades e aos valores ambientais. Por iso, aínda que transcorre paralelo á vía, desviarase nalgún punto para non afectar ás árbores da contorna, dixo.

 

Tamén se xecutarán varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

 

Segundo apuntou, a obra aproveitarase, ademais, para habilitar unha pequena zona de esparcemento, con mobiliario urbano, que sirva para o descanso e o desfrute dos veciños. Xunto con isto, executaranse traballos complementarios: drenaxe, alumeado, reposición de accesos ou restauración paisaxística.

 

A conselleira destacou que, coas achegas recibidas tras someter á información pública o proxecto, decidiuse axustar o trazado da nova senda para mellorar a conexión cos itinerarios que xa hai: así, no inicio do treito ampliarase a beirarrúa actual ocupando parte da beiravía da estrada e tamén se ampliará a senda para que a chegada ao paso de peóns da rúa  Rosalía de Castro sexa accesible.

 

A nova senda conta con fondos FEDER-REACT-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

Ethel Vázquez salientou que este novo investimento da Xunta en Mugardos se enmarca na liña de traballo impulsada pola Xunta para poñer ao servizo dos galegos itinerarios peonís que faciliten os movementos do día a día de xeito cómodo e seguro, e cun maior respecto á contorna, evitando o uso do vehículo particular nos desprazamentos máis curtos.

 
Sinalou que esa aposta levou ao departamento que dirixe a executar na última década máis de 200 quilómetros de sendas peonís cun investimento de 50 M€. Entre elas, a senda de case 4 km entre Mugardos e Ares, na AC-130, que supuxo un investimento autonómico de 1,5M€; ou o itinerario entre Franza e Rilo, con 1,3 km e case medio 500.00€, que se vén de rematar.

Imaxes relacionadas