A Xunta pon en valor a colaboración cos concellos para a contratación e posta a dispor de recursos para as mulleres vítimas da violencia de xénero

A Coruña, 24 de novembro de 2022 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xornada Xuntos contra a violencia de xénero: por unha sociedade sen violencia, organizada no Centro Cívico Cidade Vella pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. No acto puxo en valor a colaboración cos concellos que este departamento mantén na loita contra a violencia de xénero, a través dos Centros de Información á Muller (CIM) e para brindar oportunidades laborais ás mulleres vítimas.

 

López Abella lembrou que os incentivos que a Administración autonómica concede a entidades locais e sen ánimo de lucro para a contratación de vítimas da violencia de xénero chegaron desde 2019 a máis de 400 mulleres. “Garantir a empregabilidade e poñer ao servizo das mulleres vítimas todos os recursos e servizos ao seu alcance é fundamental, nesta labor contamos cos centros de información á muller, recursos esenciais para garantir esa atención integral” dixo a secretaria xeral, quen anunciou que en 2023 a Xunta de Galicia destinará máis de 5 millóns de euros para o seu mantemento, gastos de persoal e mellora das infraestruturas existentes.

Imaxes relacionadas