A Xunta pon en valor o investimento na pista de atletismo de Expourense para acoller eventos deportivos e feirais como o salón de deporte e turismo activo ‘Sportur Galicia’

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, visitou os expositores do salón e destacou o seu potencial para fomentar a actividade física e o deporte entre a cidadanía e, ao mesmo tempo, promocionar a comunidade como destino de turismo activo e deportivo
 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou nunha das mesas de expertos do III Congreso de Turismo Deportivo, que se celebra de xeito paralelo á feira

Ourense, 24 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou esta tarde xunto o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, os expositores do V Salón do Deporte e Turismo Activo que acolle estes días Expourense.

 

Na súa visita a Expourense, Diego Calvo puxo en valor o investimento da Xunta na pista de atletismo cuberta do recinto feiral tanto para acoller campionatos deportivos desta disciplina nacionais e internacionais e eventos feirais como este ou a semana pasada Xantar. De feito, tras Sportur, a pista acollerá o 11 de decembro o Trofeo Abanca de pista cuberta para categorías inferiores.

 

O Goberno galego leva investidos arredor de 4,5 millóns de euros nesta pista desde a súa inauguración en 2017. Trátase dunha das tres mellores de España e dotada coa tecnoloxía máis moderna. Nesta liña, co obxectivo de optimizar as instalacións tanto no ámbito deportivo como expositivo, o Consello da Xunta vén de aprobar o acordo coa Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) para regular o uso da pista establecendo o calendario de actividades, así como a xestión do mantemento e os seus gastos de funcionamento por un importe de 240.000 euros nos anos 2023 e 2024.

 

Entre os investimentos da Xunta nas infraestruturas deportivas ourensáns destacan os 2,6 millóns de euros na reforma do estadio do Couto que están a levarse a cabo, os 5,7 millóns de euros destinados á contratación da primeira fase do parque acuático de Monterrei no Pereiro de Aguiar ou os 2 millóns xa investidos na reforma integral do Pavillón dos Remedios.

 

No seu percorrido polo salón, Diego Calvo constatou o potencial de Sportur Galicia como punto de encontro dos sectores vinculados ao deporte, ademais de promocionar Galicia como destino atractivo para o turismo activo e deportivo dando a coñecer opcións de actividades ao aire libre e, en xeral, achegar á cidadanía os beneficios do deporte e da práctica de actividade física. Os expositores participantes representan áreas como instalacións deportivas, parques multiaventuras, rutas turísticas, alimentación saudable e coidado persoal, federacións e clubs ou empresas e equipamento deportivo.

 
 

III Congreso de Turismo Deportivo

No marco do V Salón do Deporte e Turismo Activo celebrase o III Congreso de Turismo Deportivo que complementa a feira cunha ampla programación de actividades e relatorios impartidos por profesionais do sector. Vai dirixido precisamente a federacións deportivas, pemes e autónomos relacionadas co deporte e o turismo, axencias de viaxes, clubs e empresas do deporte e alumnado e profesorado de ensinanzas deportivas. O congreso, no que colabora a Xunta, permite coñecer casos de éxito de destinos e modelos españois e internacionais que poden ser adaptados e reproducidos por outras entidades.

 

Ao igual que en edicións, analizaranse as sinerxías existentes entre o sistema deportivo e turístico, das que xurdirán oportunidades e ideas para as entidades e persoas que conforman ambos os sistemas.

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou pola mañá na súa inauguración, onde lembrou a creación o ano pasado do Clúster da Industria e do Deporte e do Benestar de Galicia e lembrou que o deporte representa o 2,5% do PIB de Galicia cun volume anual de negocio que rolda os 1.600 millóns de euros e que e que xera ao redor de 12.000 postos de traballo en 2.000 empresas.

 

Na xornada de hoxe a directora de Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, tamén participou nunha das mesas de expertos sobre innovación en turismo deportivo xunto coa campioa olímpica de vela na categoría Elliot 6 metros e xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro, o presidente da Asociación Nacional de Empresas de Turismo Activo, Óscar Santos, e o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, José Luis Fernández.

 

Argerey destacou que o turismo saudable e o deporte para a promoción da autonomía persoal e a mellora da calidade de vida son ámbitos de actuación priorizados da política de investigación e inovación da Xunta de Galicia para os vindeiros anos, atendendo á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. Ademais, apuntou que o turismo, como eixo vertebrador do territorio que permite xerar actividade económica e emprego en toda a comunidade, pode contribuír, grazas á innovación, a avanzar cara a unha economía máis innovadora, sustentable e resiliente.

 
Na súa intervención, a directora da Axencia Galega de Innovación incidiu en que calquera empresa, independentemente do seu tamaño, sector ou ubicación, pode innovar e así garantir a súa competitividade. Neste sentido, a Xunta está a desenvolver diferentes iniciativas a través do Programa de impulso á innovación das pemes para acompañar e apoiar ás micro e pequenas empresas para que inicien o camiño da innovación.