Rueda resalta que a falta de avances en España no impulso da conexión ferroviaria Vigo-Porto suporá un retraso mínimo de 3 anos con respecto ao treito portugués

Calificou a conexión de alta velocidade como unha infraestrutura “imprescindible” e unha “oportunidade” para Galicia e Portugal

Alerta de que para rematar as obras no territorio español ao mesmo tempo que na parte lusa hai trámites que tiñan que estar xa feitos “hai máis dun ano”

A ausencia de progresos na execución da infraestrutura entre Vigo e a fronteira portuguesa en alta velocidade fai actualmente imposible aspirar á súa posta en servizo antes do 2033

Estímase que o investimento para acometer as actuacións necesarias en territorio español é de aproximadamente 700 M€

Considérase imprescindible licitar xa o estudo informativo e o inicio do trámite ambiental da saída sur de Vigo, primeiro treito da conexión na beira galega

Demanda do Executivo español o pulo necesario para a tramitación deste proxecto, tras a oportunidade perdida no Cumio Ibérico de Viana do Castelo para concretar os plans de futuro para esta liña férrea
 

 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Consello constatou na súa reunión anual que a falta de avances rexistrada nos trámites para impulsar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto suporá un retraso mínimo de 3 anos nas obras en España con respecto ás do treito portugués. 
 

Rueda calificou de “imprescindible” e de “oportunidade” esta conexión de alta velocidade que permitirá “reducir os tempos da viaxe” -en concreto das 2 horas e 22 minutos actuais a só 55 minutos-  e “achegar os territorios” que conforman a Eurorrexión Galiica-Norte de Portugal.

 

O Goberno galego avaliou hoxe un informe técnico sobre a situación da conexión en alta velocidade entre Vigo e Porto que revela que a planificación completa presentada recentemente polo Goberno portugués para o desenvolvemento da liña ferroviaria Lisboa-Porto-Vigo, acredita a necesidade urxente de contar cun compromiso equivalente por parte do Goberno de España para darlle continuidade ao Eixo Atlántico ata o norte de Portugal, promovendo a conexión do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto.

 

“En setembro o Goberno de Portugal fixo pública unha planificación de obras para impulsar a conexión ferroviaria en alta velocidade con España a través da fachada atlántica coa liña Vigo-Porto-Lisboa”, lembrou Rueda, quen resaltou que a previsión do Goberno luso é comezar as obras dos treitos Lisboa-Porto e Porto-Valença “entre 2024 e 2026” para que no 2030 “estea rematado o groso da infraestrutura”.

 

O informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta contrapón esta planificación co estado dos proxectos para estender en España a conexión ferroviaria do Eixo Atlántico ata a fronteira portuguesa. A conclusión é que, como consecuencia do retraso acumulado e “aínda que se acelerasen moito os trámites pendentes”, o treito portugués estará concluído, como mínimo, 3 anos antes que o treito galego.

 

O presidente da Xunta relatou todos os trámites que serían precisos xa ter en marcha desde hai un ano para poder cumprir co prazo de ter lista a parte española da conexión ferroviaria en 2030. Entre eles, destacou a “información pública inicial, a tramitación ambiental, a redacción dos proxectos ou a licitación das obras”. “Trámites fundamentais aos que habería que sumar despois a construción da infraestrutura, a montaxe da vía ou a electrificación e a homologación”, resaltou Rueda.

 

O presidente da Xunta recalcou que para poder ter rematada as obras en territorio español á vez que a previsión do Goberno portugués “o proxecto xa tería que estar sometido a exposición pública desde hai un ano”. Ademais, recalcou que habería que investir preto de 700 M€ na construción de dous treitos para prolongar o Eixo Atlántico que actualmente vai desde a Coruña a Vigo, ata a fronteira portuguesa. O primeiro, treito considerado prioritario pola Xunta, é a saída sur ferroviaria de Vigo, e o segundo a conexión entre O Porriño e a fronteira portuguesa.

 

Considerando que se trata dunha actuación estratéxica tanto para Galicia como para a conexión con Portugal, a Xunta elaborou un estudo técnico e económico que acredita a súa viabilidade e a súa elevada rendibilidade, poñendo os datos en coñecemento do Ministerio de Transportes e Mobilidade.

 

Porén, ese departamento do Goberno de España adxudicou en agosto de 2021 un novo estudo de alternativas sobre a saída sur de Vigo que no proxecto de orzamentos para 2023, cunha partida de 30.000 euros, mantén en estados moi previos ao inicio da tramitación oficial esta infraestrutura estratéxica: non conta co orzamento necesario para a redacción do estudo informativo nin para o estudo ambiental.

 

“A Xunta considera que é imprescindible licitar o estudo informativo e iniciar a tramitación ambiental para avanzar de forma efectiva cara á súa materialización”, indicou  o presidente autonómico.

 

Ante esta situación de demora nos trámites para levar a cabo esta infraestrutura, desde o Goberno galego reclámase o necesario pulo a tramitación deste proxecto para que o retraso das infraestruturas en territorio galego non sexa aínda maior. Ademais, lamenta a oportunidade perdida do Cumio Ibérico celebrado a comezos de mes na localidade de Viana do Castelo polos gobernos de España e Portugal para concretar os plans de futuro sobre esta liña férrea.

 

Ademais das obras en cada lado da fronteira, tamén se solicita ao Goberno de España unha planificación igual que a da Administración Portuguesa.

 

Desenvolvemento da Eurorrexión

Para o Goberno galego a conexión por alta velocidade entre e Galicia e o Norte de Portugal é unha infraestrutura fundamental tanto para Galicia como para o desenvolvemento da Eurorrexión. Trátase de conseguir que o tempo de viaxe entre Vigo e Porto pase das 2 h 20 minutos actuais aos 55 minutos, o que permitirá revolucionar a mobilidade na Eurorrexión e multiplicar a capacidade de competir xuntos ambos os territorios.

 
 
 
 
 
 
 
 


Imaxes relacionadas