A Xunta aposta pola coordinación entre institucións para acadar unha xestión áxil e eficaz das emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, na presentación da Memoria de responsabilidade social da institución académica

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, interviñeron nunha mesa redonda sobre os incendios forestais e o cambio climático
 

A Coruña, 24 de novembro de 2022 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na presentación da Memoria social de responsabilidade social da Universidade da Coruña (UDC), xunto ao reitor da entidade, Julio Abalde. O documento  amosa o compromiso da institución académica na xestión de riscos en emerxencias e catástrofes e inclúe unha presentación da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias.

A Xunta aposta pola colaboración entre as institucións na xestión das emerxencias e, destaca o traballo realizado neste eido por parte da Universidade coruñesa. Así, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colabora co Centro de Investigación en Tecnoloxía da Información e da Comunicación (CITC) da entidade en melloras tecnolóxicas en materia de emerxencias.

A xornada incluíu unha mesa redonda titulada Incendios forestais e cambio climático. Retos da protección civil e xestión de emerxencias na que, por parte da Xunta, participaron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. No foro abordouse a dimensión social dos incendios, a necesidade de contar cunha planificación para prevención e extinción, así como os cambios sociais e climáticos que provocan os lumes.

Nesta liña, o Goberno galego avoga pola coordinación dos efectivos de emerxencias na loita contra os lumes en base ao Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) e o Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais (Peifoga). A través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, mobilízanse os servizos de emerxencias necesarios. No que se refire aos servizos municipais, a Xunta colabora no seu funcionamento e na dotación de equipamento.