A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu esta tarde unha pregunta no pleno do Parlamento

A Xunta urxe ao Goberno central unha solución para o fenómeno das ocupacións, que afecta en Galicia xa a unha vivenda cada dous días

Ángeles Vázquez aposta por un marco xurídico duradeiro, eficaz e definido que endureza as penas por ocupar ilegalmente un inmoble, garanta axilidade nos desaloxos e outorgue ás comunidades de veciños o dereito a actuar ante a Xustiza

Advirte dunha “escalada” de casos respecto a anos anteriores e lamenta a pasividade da Administración estatal ante un problema que preocupa cada vez máis á sociedade
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 A Xunta reclamou hoxe ao Goberno central unha actuación urxente e eficaz que solucione e poña freo á ocupación ilegal de vivendas en Galicia, un fenómeno que, nestes momentos, afecta xa a unha vivenda cada dous días. Así o defendeu esta tarde no Parlamento galego a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen respondeu unha pregunta no pleno sobre o incremento das ocupacións na Comunidade. 

Neste sentido, a responsable autonómica incidiu na necesidade de que o Executivo estatal, como administración competente na materia, dea resposta canto antes a este problema, impulsando as reformas lexislativas que sexan necesarias para que haxa a nivel estatal un marco xurídico duradeiro, eficaz e definido que endureza as penas por ocupar ilegalmente un inmoble, garanta axilidade nos desaloxos e outorgue ás comunidades de veciños o dereito a actuar ante a Xustiza. 

O obxectivo común de todas estas medidas, segundo explicou, é o de restablecer a normalidade e calmar a sensación de “inquedanza social crecente” tanto entre os propietarios dos inmobles como tamén na veciñanza dos barrios e zonas máis afectadas por esta situación. 

Segundo os últimos datos oficiais facilitados pola Delegación do Goberno en Galicia, a conselleira indicou que entre os meses de xaneiro e xullo contabilizáronse un total de 110 casos en Galicia, o que supón unha media de 16 ocupacións ao mes. Estas cifras, tal e como subliñou, revelan “unha escalada de casos” con respecto a anos anteriores, lembrando que en 2020 houbo 169 ocupacións e o ano pasado subiron ata as 195. 

“Cada dous días ocúpase unha vivenda en Galicia”, resumiu a conselleira, quen advertiu de que a pesar da “pasividade” do Goberno central e de que pretenda converter a ocupación nalgo “normal”, estes datos mesmo poderían ser máis graves tendo en conta que, segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, son ao redor de 600 as vivendas ocupadas en Galicia, un 15,3% máis que o ano anterior. 

Apoio ás actuacións urbanísticas municipais

Así mesmo, durante a sesión plenaria da mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén compareceu ante a Cámara para responder a unha interpelación sobre o plan Hurbe. 

Tras lembrar que este programa foi posto en marcha pola Xunta no ano 2010, Ángeles Vázquez explicou que, desde entón, as axudas e convenios de colaboración impulsados polo Goberno galego cos concellos permitiron mobilizar ao redor de 163 millóns de euros en investimentos destinados a habilitar, mellorar ou recuperar equipamentos públicos e infraestruturas que permitan poñer en valor as súas contornas urbanas.

 En concreto, a conselleira cifrou en máis de 410 as actuacións urbanísticas comprometidas ou executadas no conxunto da Comunidade nestes 13 anos e aproveitou a súa comparecencia para avanzar que a aposta da Xunta por este tipo de proxectos continuará en 2023, un ano no que destinará 8,6 millóns de euros a seguir apoiando aos concellos no financiamento deste tipo de proxectos, un 23% máis que neste ano 2022.
 

Imaxes relacionadas