Lorenzana apunta no Parlamento que Galicia rematará 2022 co 100% dos obxectivos cumpridos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A conselleira da Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou que o éxito da estratexia das medidas da Xunta enmarcadas no Pacto de Estado radica na transversalidade acadada con outros departamentos autonómicos, concellos e entidades
 

Neste marco o Goberno galego activou para as vítimas, entre outros recursos, o bono alugueiro, a asistencia xurídica gratuíta e quendas de garda social e psicolóxica
 

Lorenzana anunciou que o seu departamento levará ante a Cámara o informe anual de execución de medidas en Galicia do Pacto de Estado e que tamén fará balance global neste mesmo foro dos cinco anos da súa vixencia
 

Reclamou financiamento do Estado para dotar o novo Pacto de Estado que acaba de prorrogarse co apoio de Galicia e a pesares das reticencias iniciais do Goberno central

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, afirmou hoxe no Pazo do Hórreo, que Galicia rematará 2022, o horizonte do actual Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co 100% das medidas previstas cumpridas. O seu departamento, asegurou, levará ante a Cámara o informe anual de execución destes compromisos e está a elaborar un balance dos cinco anos de vixencia do Pacto que presentará tamén no Parlamento.

 

Lorenzana aproveitou a intervención para referendar o compromiso da Xunta co conxunto da sociedade galega, coas mulleres e coas vítimas. “Un compromiso que se demostra coa posta en marcha de numerosas actuacións de sensibilización e prevención, de detección e atención, e tamén de coordinación, contra a violencia de xénero”, indicou.

 

“Parte do éxito da estratexia da Xunta no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero reside na transversalidade das actuacións”, explicou Lorenzana. Neste sentido remarcou que as actuacións enmarcadas no pacto nos últimos anos implicaron a todos os departamentos do Goberno autonómico, ás entidades locais, ao Terceiro Sector e ás universidades galegas.

 

A titular de Igualdade puxo como exemplo medidas innovadoras como o bono de alugueiro social liderado polo departamento de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou a asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de violencia de xénero, destacando no caso de Galicia a inclusión e cobertura tamén das de violencia sexual posta en marcha en 2021.

 

Puxo en valor tamén a conselleira a liña de axudas prevista en 2023 para que os concellos poidan investir novos medios na mellora das infraestruturas e do equipamento dos Centros de Información á Muller (1,4 millóns de euros) ou a posta en marcha das quendas especializadas de garda social e psicolóxica, para atender ás vítimas e as súas fillas e fillos.

 

Pacto prorrogado

A representante da Xunta reclamou financiamento para que o Goberno central dote o novo Pacto de Estado que, a instancia de Galicia e outras comunidades autónomas prorrogouse finalmente, a pesares, especificou Lorenzana, das reticencias iniciais do Ministerio de Igualdad. É momento, dixo, de que “se empecen a tomar este asunto coa debida seriedade e axilicen os prazos o necesario, garantindo por suposto o seu financiamento”, afirmou.

 

“No calendario remitido polo ministerio está previsto que entre xaneiro e febreiro de 2023 se propoña o financiamento concreto por Comunidades Autónomas; nós apoiamos e impulsamos a prórroga do Pacto de Estado e o catálogo de servizos mínimos para vítimas de violencia de xénero, pero non imos a apoiar un sistema de financiamento que reduza ou modifique a achega que lle corresponde a Galicia”, recalcou a conselleira da Igualdade.

 
Lorenzana lembrou o éxito de ter acadado un Pacto de Estado de consenso e defendeu que “agora temos a obriga de preservalo e garantilo, coas mellores condicións posibles”.

Imaxes relacionadas