A Xunta contribúe á celebración do bicentenario do concello de Paradela coa publicación dun libro elaborado por alumnado da contorna

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación de ‘A Paradela dos máis novos’, no que estudantes de infantil, primaria, ESO e Bacha-relato de Paradela ofrecen a visión da súa contorna, na que naceron ou medraron


Tamén asiste esta tarde á presentación dos libros ‘Lugo a través do tempo’ e ‘Circular polo Saviñao IV’, editados co apoio do Goberno autonómico
 

Paradela (Lugo), 23 de novembro de 2022 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou esta mañá o colexio CEIP Plurilingüe San Miguel para participar na presentación do libro A Paradela dos máis novos, elaborado por estudantes de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato de Paradela e editado polo Colectivo Egeria coa colaboración da Xunta no marco das celebracións polo bicentenario do concello lucense.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que o apoio do Goberno autonómico a este tipo de iniciativas se enmarca na aposta polas novas xeracións e a súa presenza no medio rural, “un espazo onde a lingua galega goza da maior vitalidade e onde a transmisión familiar do idioma propio de Galicia se fai de maneira doada”. Canda Valentín García tamén participaron neste acto; no que os máis novos e novas foron os protagonistas, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz; a ilustradora do libro, Fani Padullés, e o profesorado colaborador.

Máis de 60 estudantes

A Paradela dos máis novos recolle a visión que as novas xeracións do concello teñen da súa contorna vital. Dividido en tres partes ben diferenciadas que corresponden ás etapas educativas, o libro recolle desde os debuxos dos máis cativos ata as reflexións dos máis vellos. En total, son 63 os estudantes, dos que 44 son alumnos de Infantil e Primaria do colexio CEIP San Miguel de Paradela e 21 de ESO e Bacharelato dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, ambos de Sarria, que deixan a súa pegada neste libro editado polas celebracións polo bicentenario da institución municipal de Paradela.

Xa pola tarde, o secretario xeral de Política Lingüística participará na presentación doutros dous libros publicados co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. O primeiro deles é Lugo a través do tempo, editado polo grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e coordinado polo fotógrafo Eduardo Ochoa. O volume, prologado polo presidente do dito grupo, Xulio Xiz, recompila unha mostra de fotografías da monumentalidade e da vida do Lugo do pasado e do Lugo do presente, estas últimas da autoría de 19 fotógrafos profesionais e afeccionados. Unha viaxe pola cidade amurallada que, como ben indica o seu título, leva a través do tempo.

 

Por último, Valentín García participará na presentación do volume Circular polo Saviñao IV, unha publicación coa que a sociedade homónima quere conmemorar o seu 60 aniversario. Coordinada por Enrique Sampil, presidente do Círculo Cultural Recreativo Saviñao, recolle un total de 160 artigos de diferentes colaboradores e amigos sobre temáticas diversas como arte, xente, historia, etimoloxía ou patrimonio do concello da Ribeira Sacra.