A Xunta coordina un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior da empresa Syngenta

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou una actuación para comprobar a resposta das institucións e a industria ante un accidente real e a coordinación da comunicación entre os grupos de intervención mobilizados
 

No exercicio simulouse un accidente de categoría 2 nas instalacións no Porriño nesta fábrica pola rotura dun bidón que derivou nunha nube tóxica e tivo como consecuencia dúas persoas feridas
 

A Xunta e Syngenta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias

O Porriño (Pontevedra), 23 de novembro de 2022 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá no simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) da industria Syngenta España S.A., situada no polígono da Relva no Porriño. O obxectivo é avaliar a resposta coordinada das institucións e da industria para resolver un accidente a través do ensaio da activación e mobilización dos distintos grupos de intervención.

 

Búscase ademais verificar a coordinación entre o PEE e o Plan de emerxencia interior desta empresa, ademais do adestramento do persoal pertencente aos distintos grupos operativos e centros de coordinación, mando e control, así como no uso dos sistemas de comunicacións.

 

O simulacro comezou ás 10,00 horas, e contou tamén coa presenza do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo. Baseouse nun accidente por unha rotura dun bidón de 200 litros de fitosanitarios que derivou nunha nube tóxica. Como consecuencia do sinistro resultaron dúas persoas feridas por mareos. As afeccións refírense ao interior do establecemento industrial e ao exterior.

 

No exercicio actuaron persoal e medios de seguridade da empresa Syngenta, xunto coa mobilización de Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local do Porriño e Mos e efectivos das agrupacións de voluntarios, servizos municipais de Protección Civil e servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento destes dous concellos. Tamén interviron o Grupo de Apoio Loxístico (Gali) da Axega, o 061 e a Cruz Vermella.

 

O director xeral de Emerxencias e Interior asumiu a dirección do Centro de Coordinación Operativa (CECOP) e o xerente da Axega a coordinación do Posto de Mando Avanzado (PMA). Unha vez recibida a información do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, activouse o plan e as sereas de aviso á poboación durante as accións levadas a cabo para controlar a nube tóxica.

 

Aposta pola prevención da Xunta e Syngenta

A Xunta e a empresa Syngenta destacan a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Deste xeito, estes exercicios permiten dar a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de un incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

 

Os PEE teñen como obxectivo previr e, no seu caso, mitigar as consecuencias dos posibles accidentes graves nos que interveñen substancias perigosas. Establecen as medidas de protección máis idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación, e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos chamados e intervir.

 
Así, nos Plans, entre outros aspectos, determínanse as zonas de intervención e alerta; establécense os sistemas de articulación coas organizacións das administracións municipais; especifícanse os procedementos de información á poboación; e catalóganse os medios e recursos específicos para as actuacións previstas.