A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para hoxe unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará este mediodía por mar combinada do noroeste con ondas de 5 metros no noroeste e oeste da costa coruñesa e na Mariña lucense, esténdose nas últimas horas da tarde tamén ao suroeste da Coruña e o litoral da provincia de Pontevedra.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 
Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.