A Xunta pecha o ciclo de conferencias sobre María Casares coa intervención de Pedro Soler e María Delgado

A Coruña, 22 de novembro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na última sesión do ciclo María Casares. Do exilio ao escenario, organizado pola Xunta de Galicia con motivo do centenario do nacemento da actriz. A actividade culminou esta tarde no Museo de Belas Artes da Coruña coa intervención do músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias das súas producións, e da catedrática María Delgado, autora e coeditora dunha ducia de libros sobre a historia do teatro español a través de artistas como María Casares.

Durante a súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceu a participación dunha ducia de personalidades do mundo das artes e da cultura neste ciclo, así como a súa implicación para dar a coñecer o legado da artista homenaxeada. “Moitos deles a coñecían persoalmente ou compartiron escenario con ela ao longo da súa traxectoria. Esta proximidade permitiu que os galegos puidesemos coñecer máis a fondo a María Casares, unha icona para o teatro e o cinema universal que triunfou desde o exilio en Francia”, salientou.

Imaxes relacionadas