A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa visitaron esta mañá o parque empresarial do municipio

A Xunta destina máis de 190.000 € a licitar o Plan estruturante da ampliación do polígono de Santa Comba, o primeiro de toda Galicia

Ángeles Vázquez subliña que grazas a esta figura, introducida pola Lei de áreas empresariais que entrou en vigor o 10 de novembro, gáñase flexibilidade e axilízase a tramitación de novas implantacións empresariais adaptándoas a cada momento

O obxectivo é triplicar a superficie actual desta área empresarial, que sumará algo máis de 200.000 m2, dos cales preto de 121.000 m2 se destinarán a parcelas

Santa Comba (A Coruña), 22 de novembro de 2022 A Xunta destinará un investimento estimado en algo máis de 190.000 euros a redactar o Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) para a ampliación do actual parque empresarial de Santa Comba. Trátase do primeiro PEOSE que se licita en Galicia desde a entrada en vigor o pasado 10 de novembro da Lei de áreas empresariais, que aposta por este novo instrumento para planificar as actuacións de creación de solo empresarial coa maior eficacia e rapidez.

Durante unha visita ao polígono de Santa Comba na que estivo acompañada pola alcaldesa, María Pose, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que hoxe mesmo se publicou na plataforma de contratos a redacción do futuro PEOSE, que permitirá incorporar ao actual parque algo máis de 200.000 metros cadrados. Ademais, os traballos licitados inclúen tamén os proxectos de urbanización, de delimitación de fases e de parcelación da referida ampliación.

Na práctica, a conselleira explicou que a modificación prevista suporá triplicar practicamente a superficie deste polígono, promovido pola empresa pública Xestur, posto en servizo no ano 2005 e que nestes momentos conta con case 104.000 m2 incluídas as parcelas dedicadas a uso industrial e comercial, os equipamentos sociais e deportivos, as zonas verdes e os viarios e aparcamentos existentes.

Na actualidade, xa están vendidas as 41 parcelas dispoñibles de xeito que para poder responder á demanda de solo empresarial existente na zona, proxectouse unha ampliación co fin de poder habilitar preto de 121.000 m2 adicionais para albergar novas parcelas industriais e comerciais.

Tal e como subliñou a conselleira, o desenvolvemento do novo ámbito do polígono de Santa Comba farase a través dun Plan estruturante, unha das principais novidades introducidas pola lei galega e que suporá un avance substancial no que respecta ao desenvolvemento de novas áreas industriais ao tratarse dunha ferramenta “flexible” e capaz de ofrecer respostas máis rápidas ás necesidades de solo que xurdan en cada zona dependendo do momento.

Neste sentido, os PEOSE fixan unicamente parámetros básicos e xerais para o desenvolvemento dun determinado ámbito —definindo, por exemplo, os viarios principais e establecendo as conexións exteriores—, co fin de ofrecer unha ordenación dos parques modificable e flexible en todo momento que permita adaptarse co facilidade ás necesidades reais.

Deste xeito, tal e como subliñou a conselleira, búscase evitar as constantes modificacións dos instrumentos de ordenación, cada vez que se pretende introducir cambios ou ampliacións no deseño inicial, co conseguinte aforro de trámites e tempo e garantindo un dinamismo acorde coas demandas do mundo empresarial.

Precisamente, Ángeles Vázquez lembrou que a Lei de áreas empresariais de Galicia —pioneira a nivel estatal— é unha norma “moi demandada” polas empresas asentadas na Comunidade, ao tempo que sinalou que tamén redundará en beneficio de concellos “comprometidos co desenvolvemento” do seu territorio, como é o caso de Santa Comba, do que destacou o esforzo por integrar aos sectores primario, industrial e de servicios e poñer á súa disposición espazos adaptados ás súas necesidades.

Tras a licitación hoxe do servizo de redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial da ampliación do polígono de Santa Comba, as empresas interesadas terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 28 de decembro.

Imaxes relacionadas