Os empregados públicos da Xunta recibirán este mes de novembro a suba adicional do 1,5% para compensar os efectos da inflación

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei polo que se aproba a retribución extraordinaria do 1,5%
 

Este incremento adicional aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2022 e calcularase sobre as retribucións vixentes a 31 de decembro de 2021
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, anunciou hoxe no Parlamento galego que os empregados públicos autonómicos recibirán este mesmo mes de novembro a suba adicional do 1,5% para compensar os efectos da inflación.

 

Este incremento adicional aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2022 e calcularase sobre as retribucións vixentes a 31 de decembro de 2021. Para atender as obrigas de pagamento a Xunta habilitou un crédito extraordinario no orzamento por máis de 78M€.

 

Durante a súa intervención para presentar o proxecto de Lei polo que se aproba a retribución extraordinaria do 1,5%, Miguel Corgos explicou que a situación económica xerada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia e pola crise enerxética, motivou un aumento do coste de vida polo impacto da inflación, polo que resulta necesario a posta en marcha de medidas para intentar paliar os efectos no poder adquisitivo dos empregados públicos.

 

Se temos en conta este incremento extraordinario do 1,5% e o aumento xa previsto do 2% no artigo 11.2 da lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, o incremento total das retribucións dos empregados públicos este ano ascende ao 3,5%.

 

Ademais, tal e como explicou o conselleiro, esta suba do 1,5% é consolidable o que permitirá que os empregados públicos experimenten un incremento do 4% nas súas retribucións para o vindeiro ano 2023.